Skip to main content
Foz

O Concello de Foz levará ao pleno os orzamentos 2024 que ascenden a 10,4 millóns de euros

Por 22 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Foz levará ao pleno da corporación local que se celebrará o día 30 deste mes, xoves, a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2024, que ascenden a 10,4 millóns de euros. Nesa sesión plenaria tratarase tamén a actualización de distintas taxas, impostos e prezos públicos. Este xoves, día 23, celebrarase a Comisión de Asuntos Preparatorios.

A concelleira de Economía e Facenda e segunda tenente de alcalde, Inés López Couto, explica que “o Concello de Foz acelera os trámites administrativos para aprobar en tempo e forma os orzamentos do ano 2024, uns orzamentos realistas que ascenden a 10,4 millóns de euros. Traemos tamén a este pleno unha actualización de distintas taxas, impostos e prezos públicos, que se completará en vindeiras sesións plenarias. Fomos capaces con gran esforzo de conxelar a carga impositiva durante catro anos, anos nos que as veciñas e veciños o estaban a pasar realmente mal por mor da crise provocada pola COVID. Incluso baixamos impostos nese período, como a derrogación desde marzo do ano 2021 da taxa por ocupación das terrazas. Somos sensibles ás distintas situacións e dentro dos prezos públicos valoramos a economía das familias, con exencións segundo os ingresos de ata o 100% para as matrículas das Escolas Deportivas, para que ningún neno quede excluído. Ademais, cumprimos co programa electoral no referente ao imposto de plusvalía, que mantén o tipo impositivo actual pero que ten unha exención de entre o 50 e o 95% no caso de terreos asociados á vivenda habitual dos herdeiros”.

O alcalde, Fran Cajoto, destaca que “o esforzo económico do Concello é maior ao asumir o financiamento de competencias que non lle son propias, que son da Xunta de Galicia. Calculamos no entorno dos 800.000 euros ao ano o custo dos servizos que ten que pagar o Concello e que son competencia da Xunta de Galicia. Estamos a falar do servizo de axuda no fogar (300.000 euros ao ano), Escola Infantil da Galiña Azul (60.000 euros ao ano), bedeles nos colexios públicos (90.000 euros ao ano), axuda de emerxencia para as prazas da residencia ante o total abandono da Xunta (240.000 euros ao ano) ou o pago por ocupación dos espazos portuarios (120.000 euros anuais), cando hai un convenio asinado coa FEGAMP que a Xunta incumpre. 800.000 euros que o Concello deixa de investir anualmente en camiños e en actividades de todo tipo… e fannos moita falta”.

Os orzamentos que presenta o equipo de goberno para o ano 2024 ascenden a 10.413.455 euros e inclúen partidas de investimento de 95.000 euros para adquirir unha nova varredora, que mellore a limpeza das rúas, ou 110.000 euros para o arranxo do firme da Avenida da Mariña, partida que, en palabras do alcalde, “non é suficiente e teremos que complementala con fondos do Plan Único da Deputación de Lugo. Vémonos obrigados a substituír completamente o firme dunha obra que se rematou no ano 2018, algo incomprensible para todos”.

Inés López engade que “son uns orzamentos que continúan incidindo en mellorar a vida dos veciños e non deixar a ninguén atrás. E sobre todo en comezar novos proxectos ilusionantes, coma o auditorio que merece Foz, xa que neste orzamento déixase unha partida para a adquisición dos terreos e que ademais poden ser tamén utilizados con outros fins, mentres se busca un o financiamento da infraestrutura. Porque non só queremos continuar mellorando o existente senón facendo realidade as demandas históricas do concello.

E Fran Cajoto comenta ademais que son “uns orzamentos de máis de 10,4 millóns de euros que reflicten o avance do Concello de Foz nos últimos anos, o concello da Mariña que máis poboación gañou superando amplamente os 10.100 habitantes. Debemos ser capaces de aumentar a capacidade inversora do municipio para mellorar a calidade dos servizos públicos -abastecemento, mellora de camiños e rúas, cultura, deporte,…- Esta sesión plenaria é un impulso na boa dirección”.

O alcalde e a concelleira agradecen aos servizos técnicos municipais “o inxente esforzo para levar estes expedientes a pleno”.