Skip to main content
Mar AMARIÑAXARibadeo

As Confrarías de Pescadores analizaron a situación actual na Interfederativa de Ribadeo

Por 1 Novembro, 2023Sin comentarios

Clausurouse en Ribadeo unha nova edición da Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste, un evento que impulsa desde hai anos a Federación Provincial de Confrarías de  Pescadores de Lugo para reflexionar sobre temas de interese das frotas  artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro.

O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; a secretaria xeral de  Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime; o  alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; e o presidente da Federación Provincial de  Confrarías de Lugo e da Federación Nacional de Confrarías, José Basilio Otero,  presidiron o acto de clausura do Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico Noroeste, no que presentaron un resumo das conclusións e acordos alcanzados  entre o sector pesqueiro e as administracións.

Previamente, este martes pola mañá levouse a cabo unha reunión de traballo  conxunta entre representantes das confrarías e das administracións pesqueiras,  tanto de España como das comunidades autónomas do Cantábrico. Durante  máis de tres horas os representantes do sector expuxeron ás administracións as  principais conclusións derivadas da primeira xornada da Interfedrativa, que se  celebrou o luns pola tarde, e na que participaron representantes das  Federacións de Confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A  Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.

O presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, José Basilio  Otero, compartiu as conclusións que se debateron na Interfederativa do luns e  que se acababan de presentar ás representantes da administración.

Este ano entre os principais temas tratados non podían faltar os espazos  vulnerables mariños e a eólica mariña, ademais do atún vermello, o novo RD de  Mariña Mercante, o novo Regulamento de ordenación de navegación marítima, o  Regulamento de Control, a potencia dos motores, o equilibrio e desequilibrio da  frota, a situación do rasco, as denominacións de anchoa e bonito do norte, a  baixada do IVE do peixe e a fraude na comercialización de imitacións de produtos pesqueiros, o ditame do bonito no CCSUR, os cetáceos e a  responsabilidade dos envases de plástico.

En representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel  Artime felicitou á organización por celebrar este tipo de reunións, consolidadas  xa como un referente dentro do sector. A secretaria xeral de pesca tamén se  felicitou pola boa sintonía entre todos os sectores que forman parte da pesca,  asegurando que “estamos todos no mesmo barco”.

Pola súa banda, Alfonso Villares volveu poñer en valor a importancia crave da  pesca galega dentro de España e de Europa. O conselleiro do Mar da Xunta de  Galicia declarou que “necesitamos pescar máis”, e a pesar das dificultades  normativas, hai que saír adiante coa unión e apoio de todos os que forman o  sector, xa que son moitas as familas que viven da pesca e pola pesca.

O peche de clausura correu a cargo do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, que  destacou a localización de Ribadeo como punto ideal para debater acerca de  temas de interese da pesca de Galicia e do resto do Cantábrico. O rexedor  saudou a todos os visitantes animándoos a coñecer Ribadeo e exercer de  embaixadores da vila ribadense alá por onde vaian.

O encontro, que tivo lugar no Parador de Ribadeo o 30 e 31 de outubro, contou  tamén coa asistencia doutros representantes das administracións central e  autonómicas, como a directora xeral de Pesca Sostible, Mónica Corrales; a  subdirectora xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais, Silvia  Solís; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta  de Galicia, Antonio Basanta; o director xeral de Pesca Marítima do Principado de  Asturias, Francisco González Rodríguez; o director de Pesca e Alimentación de  Cantabria, Paulino San Emeterio; e o director de Pesca e Acuicultura do País  Vasco, Leandro Azcue Múgica.

Tamén estiveron presentes o director xeral de Mariña Mercante, Benito Núñez  Quintanilla; a subdirectora xeral de Seguridade, Contaminación e Inspección  Marítima, Ana Nuñez Velasco; e a directora do ISM, Elena Martínez Carqués.

No acto de clausura uníronse os representantes das organizacións de pesca de  Lugo, Armadores de Burela, Porto de Celeiro, OPP-7 do Porto de Burela e OPP 77; e outras entidades pesqueiras e económicas de ámbito local.