Skip to main content
Ribadeo

Detectado un novo caso de gripe aviaria nunha gaivota en Ribadeo

Por 7 Novembro, 2023Sin comentarios

Foi detectado un novo caso de ave silvestre afectado por influenza aviaria, así o confirmou o Laboratorio Central de Veterinaria de Algete en Madrid. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria informou da súa presenza.

Trátase de exemplares de gaivota patiamarela (un no concello da Coruña e outro en Ribadeo), atopados con sintomatoloxía clínica. Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros e O Veral, respectivamente, as aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial. Con estes dous novos, son dez en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo nove a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita.

A notificación destes dous focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da comunidade autónoma.

Valoración de risco favorable

Na data actual, a valoración de risco de aparición de influenza aviaria continúa a ser favorable, ao non ter comezado aínda o período de baixas temperaturas, máis favorables á circulación dos virus influenza, así como non estar aínda no período de maior chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus.

Isto levou o pasado mes de maio, por parte do MAPA, ao levantamento de diversas prohibicións e obrigas en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos sete municipios da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar coas medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.