Skip to main content
Ribadeo

A antiga Casa de Teléfonos será a nova sede da Policía Local de Ribadeo

Por 15 Novembro, 2023Sin comentarios

A antiga Casa de Teléfonos será a nova sede da Policía Local de Ribadeo. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, no que sinalou que “despois dun análise profundo e de facer un estudo de detalle das instalacións municipais da Policía Local o goberno local acordou o seu traslado ao edificio da permuta polo porcentaxe público que tiñamos na Torre dos Moreno, que é a antiga Casa de Teléfonos”.

Para Dani Vega “as vellas eran unhas instalacións mais ben doutra época, non hai nin baños axeitados, non hai vestiario, as paredes están cheas de humidades, non hai un espazo digno de atención á veciñanza e aos visitantes. Iso non é o que queremos para a nosa Policía Local nin tampouco queremos unhas instalacións certamente desastrosas para recibir a veciños e visitantes pola imaxe penosa que estamos a trasladar”.

O alcalde explicou que “a decisión foi adoptada porque agora dunha vez por todas imos conseguir a permuta, é dicir o edificio da antiga Casa de Teléfonos porque xa o tiñamos que ter no ano 2021, e durante estes meses estivemos traballando arreo para conseguir esa entrega no 2023, tras un traballo  moi importante que lles agradezo tamén aos técnicos municipais porque foi un empeño decidir que isto había que solucionalo”.

Vega subliñou: “conseguimos un edificio que é noso agora, que tiñamos que recibilo no 2021, pero houbo un abandono absoluto por parte do anterior equipo de goberno que pasaba do tema. Agora xa o temos, imos analizar en detalle toda a permuta, pero ese edificio imos convertelo na nova sede da Policía Local de Ribadeo, que así contará cunha instalacións dignas”.