Skip to main content
Ribadeo

Un ribadense finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2023

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2023, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, decidiu nomear tres finalistas da categoría principal da edición deste ano.

Os seleccionados foron o obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira), que traballa con madeira reciclada, o obradoiro especializado en coiro Raíces Nómadas (Ribadeo) e o obradoiro dedicado á calceta Logaro (Ourense). 

A peza con lema Nasa, do obradoiro Raíces Nómadas Atelier, de Ribadeo, é un bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbios, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia.

Os e as vogais que completaron o xurado foron Laura Fontenla, xefa do Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía; Laura Delgado, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022; Juan Adrio Fondevila, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; Ramón M. Cabarcos, director da EASD Ramón Falcón; e Manuel González, membro de Oficioyarte e expresidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA). A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa. O Premio Traxectoria 2023, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.