Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo contará con pista de xeo este Nadal

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

Ribadeo contará con pista de xeo este Nadal que estará instalada nunha carpa na avenida Rosalía de Castro entre o 3 de decembro e o 7 de xaneiro. O prezo da entrada será de 5 euros, pero os negocios adheridos contarán con vales de desconto para a súa clientela, segundo deu a coñecer esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz. 

A edil ribadense explicou que “a pista de xeo volve a Ribadeo este ano. Será do 3 de decembro ao 7 de xaneiro. Estará instalada no aparcamento da rúa Rosalía de Castro, preto do Teatro. O horario durante o mes de decembro será de 16:30 a 21:00 horas e do 2 ao 7 de xaneiro de 12 a 14 horas e de 16:30 a 21:00 horas. Os días de Noiteboa e de Aninovo a instalación estará pechada”. 

Saiz indicou que “o prezo da entrada será de 5 euros. E aquelas persoas que merquen no comercio de Ribadeo ou consuman na hostalería local e presenten un tícket por un importe mínimo de 10 euros gozarán dun desconto de 2 euros no prezo da entrada á pista de xeo”. 

A concelleira de Comercio contou que “aqueles negocios que queiran facerse cos vales de desconto deben adherirse entre o 20 de novembro e o 1 de decembro. Poden facelo de xeito presencial na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, enviando un email á dirección de correo electrónico adl2@ribadeo.gal ou na oficina de Acisa en horario de 9:30 a 14:30 horas. Desde o Concello animamos a todos os autónomos, micropemes ou pequenas empresas a adherirse e aos veciños, veciñas e visitantes a consumir no comercio local e a disfrutar dun Nadal sobre xeo”.

Pola súa banda a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “para os locais asociados a Acisa a adhesión é automática. O resto de negocios son os que deben adherirse, tal e como comentaba a concelleira de Comercio, Marta Saiz”.

Cruzado subliñou que “desde Acisa estamos encantados de que a pista de xeo volva a Ribadeo, porque será un reclamo este Nadal en toda a contorna. Agardamos que sexa un éxito e animamos á veciñanza e aos visitantes a facer as súas compras no comercio local e a gozar da hostalería ribadense para así beneficiarse dese desconto nas entradas de acceso á pista de xeo, que contribuirá á dinamización económica de Ribadeo durante máis dun mes”.