Skip to main content
Mar AMARIÑAXARibadeo

Unha vintena de especialistas participarán nas Xornadas Mar por Medio de Ribadeo

Por 30 Novembro, 2023Sin comentarios

Unha vintena de especialistas de ámbitos diversos participarán a próxima fin de semana en Ribadeo na décimo oitava edición das Xornadas Mar por Medio que, baixo o título de O Camiño: Cultura e tradición, organiza a Academia Xacobea coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo. Unha decena de conferencias, unha mesa redonda, unha exposición, un concerto, unha visita guiada e un obradoiro de nutrición e gastronomía integran o programa de actividades que se desenvolverá desde primeira hora da tarde do venres 1 de decembro ata o mediodía do domingo 3.

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Carlos Villanueva, catedrático emérito da USC e musicólogo; Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño; Pablo Ramil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC; Gregoria Cavero Domínguez, catedrática de Historia Medieval da Universidade de León; Rosaura Leis, catedrática de Pediatría da USC e presidenta da Federación Española de Nutrición; Antonio Botana, cociñeiro do restaurante Ramonita e integrante do Grupo Nove; Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel; Celia Castro Fernández, catedrática de Historia da Arte da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón; Elena Goyanes Vilar, xornalista e divulgadora da artesanía galega; Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC; Xosé María García Palmeiro, xornalista e director de comunicación do Consello da Cultura Galega, e John Rutherford, profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford ademais de impulsor das Xornadas desde os seus inicios, serán os relatores e os responsables de converter Ribadeo en punto de encontro de todos os interesados na arte, a música, as tradicións, a historia ou as paisaxes do Camiño de Santiago.

Xunto a eles estarán ademais, exercendo de presentadores ou moderadores María del Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral Polifónica de Ribadeo; os académicos Francisco Durán, Ulises Bértolo, Marcelino Agís, Luís Celeiro, María Josefa Sanz Fuentes e Xesús Palmou, o xornalista Javier Rivera Ponte e Manuel Valín Valdés, persoa clave tamén na creación das Xornadas.

O auditorio Hernán Naval acollerá a maioría das actividades destas XVIII Xornadas Mar por Medio, que darán comezo o venres 1 co acto inaugural programado para as 16.30 horas. Ademais, os asistentes desprazaranse ao santuario de Nosa Señora das Virtudes para realizar unha visita guiada e participarán nun obradoiro de gastronomía no Centro Sociocomunitario da capital ribadense.

A inscrición para participar nas actividades é gratuíta e os interesados en facelo só teñen que completar o formulario habilitado na páxina web da Academia Xacobea http://academiaxacobea.gal/inscripcion-mar-por-medio/ onde poderán descargar tamén o programa completo das Xornadas.