Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAMar AMARIÑAXAViveiro

Manuel Máximo Díaz, Cofradía de Celeiro: “Estas xornadas serven para debater sobre o presente e futuro da pesca”

Por 19 Novembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Manuel Máximo Díaz é o secretario da Cofradía de Pescadores de Celeiro.

Este foro é unha referencia no sector?

É evidente que así é, os datos saltan á vista, o foro foi creado no ano 1995, e dende entón vénse celebrando ininterrompidamente, agás nos anos da pandemia que non foi posible. Este ano chegamos á XXVII edición, unha cifra que fala por si soa. En diversas ocasións varias publicacións especializadas en pesca cualificaron o simposio como un dos mellores do panorama nacional.

As xornadas gañaron a pulso un oco no calendario anual pesqueiro, e son unha cita anual obrigada no escaparate nacional e internacional.

Cal ou cales son os obxectivos destas xornadas?

A organización ten moi definidos os seus obxectivos, son unhas xornadas de difusión e divulgación do sector pesqueiro, co obxectivo prioritario de formar e informar aos seus asociados e xentes do colectivo de todos os aspectos da pesca como por exemplo: promover o exercicio de prácticas pesqueiras viables e sostibles; evitar reducir na medida do posible as capturas non desexadas de poboacións non comerciais; contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e tamén a eliminación da pesca ilegal non declarada e non regulamentada.

Basicamente dentro dos obxectivos está abordar temas tales como a xestión e a política pesqueira, temas de medio ambiente, comercialización, aspectos sociais, investigación pesqueira, novas tecnoloxías, tacs e cotas, PPC, normativa e lexislación e un longo etcétera.

Malia sempre hai algo máis importante.

“Cumprir un século é un logro moi significativo polo que supón a nivel de lonxevidade, experiencia, impacto e bo facer”

O verdadeiramente importante é que estas xornadas serven para explicar, analizar, e debater sobre o presente e futuro da pesca, neste simposio abórdase a realidade sectorial a través do propio sector, expertos, científicos e administración; e a maiores a cita constitúe un punto de encontro sectorial para o networking; e moita xente valora a sede social da Confraría como un lugar idóneo para a celebración desta cita anual.

Como é organizar este foro?

Debo recoñecer que organizar un evento desta envergadura non é sinxelo e ten a súa dificultade; para min o feito de ser o seu creador e impulsor faime quizais máis doadas as tarefas de coordinación e organización. É unha responsabilidade que deleguen en min para axudar a levar adiante un congreso desta envergadura; e teño que subliñar que as xentes dos entes pesqueiros de Celeiro formamos un grande equipo humano moi unido o que facilita o noso labor, e o cumprimento dos obxectivos comúns. Persoalmente quizais tamén o feito de tratar de superarnos ano tras ano tamén é un incentivo ou motivación engadida, e desde logo ter bo cartel non ben mal; supoño que si a xente acude e o número de asistentes crece edición tras edición algo estaremos facendo ben. O que teño claro que isto require boas dose de traballo, esforzo e dedicación.

En que consisten as Xornadas Técnicas deste ano?

Por terceiro ano consecutivo, o programa será de tres días: do 23 ao 25 de novembro, cun total de vinte e cinco conferencias centradas en diversos bloques temáticos como: mercados, comercialización, consumo, industria, investigación e ciencia, flota, tacs e cotas, tecnoloxía pesqueira, economía azul, informes de flota, lei do litoral, tacs e cotas, PPC (normativa comunitaria, regulamento de control, fondos FEMPA, Plan de Acción, ecosistemas mariños vulnerables (EMV)…), sustentabilidade, informe de flota, transición enerxética, pesca-eólica mariña, neutralidade climática, descarbonización da flota, lei de pesca sostible, … etc. O programa completo pode consultarse na páxina web.

Falarase sobre o veto á pesca de fondo?

Claro, é obrigado facelo, porque cumpre subliñar que o porto de Celeiro e o de Burela son dos máis afectados con esta inxusta, inadecuada, e desafortunada medida da Comisión. O tema das vedas de pesca, -87 áreas que principalmente afectan a frota española, portuguesa, francesa e irlandesa-, e moi controvertido, e non só o cuestionamos desde o sector, senón que tamén o cuestiona a ciencia polo seu impacto socioeconómico que é o compoñente que deberán ter en conta na toma de decisións para mellora-la gobernanza. Novos escenarios e novas limitacións terán consecuencias socioeconómicas e afectarán a gran parte da frota que verá mermada a súa viabilidade.

Algúns expertos din que Galicia é o máximo expoñente da pesca sostible. É certo?

A miña opinión é que Galicia é unha comunidade de longa tradición pesqueira, e iso é un aval, polo cal me atrevo a subliñar que sen dúbida algunha Galicia é un bo exemplo de máximo expoñente no exercicio da sostibilidade pesqueira. A fortaleza pesqueira de Galicia é algo evidente pois representa máis da metade do emprego marítimo-pesqueiro estatal. A sustentabilidade na pesca é un tema complexo que depende de moitos factores e creo que a frota galega cumpre moitos deles polas súas prácticas de xestión, porque é unha frota cunha sólida regulación, con prácticas responsables, artes e métodos de pesca comprometidos co impacto ambiental, e métodos selectivos que minimizan as capturas incidentais e contribúen a sustentabilidade.

Cal cre que é o rumbo que debe levar a pesca para este 2024?

Difícil predición, tendo en conta que a pesca está moi afectada por moitos frontes abertas; o noso sector está inmerso nunha especie de quebracabezas como son as distintas regulacións e normativas e as diferentes políticas. O panorama ten unha grande complexidade porque nel inflúen múltiples axentes públicos e privados. Hai moitas frontes abertas cara ao vindeiro curso, agora que España asume a presidencia do Consello da UE debemos tratar de aproveitar para afianzar as nosas posicións.

Existe remuda xeracional?

Esta cuestión da remuda xeracional é un vello e reincidente tema, e varía en función da rexión ou comunidade pesqueira en cuestión; si ben en xeral pódese dicir que a pesca tradicional ou de baixura sempre se transmitiu de pais a fillos, de xeración en xeración…; pero nos últimos anos isto cambiou e apenas hai remuda. En moitos sitios obsérvase envellecemento da poboación pesqueira. A falta de interese nas xeracións máis novas pode ser un desafío; aquí teño que dicir que o propio sector ten que facer os deberes e cambiar certas tendencias para facer máis atractiva a profesión, hai melloras que facer e hai que traballar de arreo para dignificar o oficio, e iso pasa por facilitar unha mellor formación, fomentar as prácticas de pesca sostible e melloralas condicións sociolaborais, porque os tempos cambian e evolucionan e con eles a xente.

A Cofradía de Pescadores está de aniversario, non?

Nestas datas está de efeméride ao cumprir cen anos, un século non é algo banal para unha institución. Cumprir un século é un logro moi significativo polo que supón a nivel de lonxevidade, experiencia, impacto e bo facer.

Que papel desenvolve a Cofradía?

A Cofradía de Celeiro é unha entidade que desempeña un papel importante na economía local e municipal, ao ser un centro de actividade pesqueira e que contribúe a promover o desenvolvemento da comunidade costeira do municipio.

Son moitos anos de traballo.

Si, pois o traballo dunha Cofradía pasa esencialmente por prestar servizos aos seus asociados, e ao colectivo pescador, un traballo que moitas veces pasa desapercibido. Por exemplo, no porto fixéronse diversas melloras en materia de infraestruturas, construíuse unha moderna nave e almacén para o lavado de caixas, tamén se fixo unha nova nave para armadores no peirao norte, e trouxéronse equipamentos pesqueiros diversos. En materia formativa o ente recentemente impulsou a FP Dual en Viveiro onde se está a impartir un curso de Patrón de Pesca do Litoral, e para primeiros do ano que vén contarán cun centro privado homologado para impartir titulacións e certificacións de carácter náutico-pesqueiro, substituíndo así ao desaparecido centro Vicente Gradaille.

“O propio sector ten que facer os deberes e cambiar certas tendencias para facer máis atractiva a profesión naútica pesqueira”