Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAViveiro

O BNG insta á Xunta a cubrir de xeito inmediato as prazas baleiras no Centro de Saúde de Viveiro

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

O deputado Daniel Castro, a tenente de alcaldesa Miriam Bermúdez e os concelleiros Iria Cotelo e Xoán Ramón Martínez deron conta das iniciativas que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento diante grave situación que a Atención Primaria está atravesando en Viveiro, “con un Centro de Saúde baixo mínimos, onde desde hai días só hai dous médicos en quenda de mañá polo que non están a facer consultas de atención primaria podendo atender só o servizo de urxencias”.

Seguen tamén as carencias no servizo de pediatría, a respecto do cal xa houbo importantes mobilizacións hai agora un ano. “Agora mesmo o Sergas está desprazando profesionais desde Lugo, pero que non acoden todos os días. Recordan as nacionalistas tamén que segue sen cubrirse o posto  de xefe de servizo do Centro de Saúde, vacante por xubilación desde antes da pandemia”, sinalan.

Todo isto “xera inestabilidade a respecto das consultas e supón unha sobrecarga de traballo para este persoal que chega a ter que cancelar até 30 citas dunha soa vez”, engaden os nacionalistas.

A problemática non se circunscribe só a Viveiro, “pois Ourol e O Vicedo, pertencentes ao PAC de Viveiro, que sofren situacións semellantes”, din.

“Estas son as políticas do PP en materia sanitaria, destruindo paulatinamente a atención primaria e poñendo en risco a usuarios e profesionais. Non hai médicxs, non hai pediatras, non hai enfemeirxs,  porque recortaron nos últimos anos os orzamentos en sanidade e non adoptaron ningunha medida  malia saberen desde hai anos que ían faltar profesionais para cubrir todas as prazas existentes, as xubilacións e as vacantes” afirmou Daniel Castro, que explicou tamén as iniciativas a través das  que o Grupo Parlamentar do BNG vai  instar á Xunta de Galiza a cubrir de xeito inmediato as prazas baleiras no Centro de Saúde de Viveiro e a recuperar o servizo de pediatría permanentemente.

Así mesmo Miriam Bermúdez referíuse tamén  á grave situación sanitaria que están atravesando as veciñas e veciños de Viveiro, e que se repite no tempo, sendo denunciada por estes e polo BNG en numerosas ocasións sen que a Xunta de Galiza fixese nada ao respecto, polo que solicita que se díe unha solución inmediata a este problema.