Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAViveiro

Os socialistas reclámanlle ao Goberno galego previsións concretas para as obras da Vía de Alta Capacidade Costa Norte

Por 14 Novembro, 2023Sin comentarios

O PSdeG-PSOE defende no Parlamento de Galicia os intereses dos veciños e veciñas da Mariña esixíndolle á Xunta prazos e orzamentos para desbloquear e acometer a Vía de Alta Capacidade Costa Norte. Desta forma, por un lado, a Deputada Patricia Otero reclamaralle ao Goberno galego no vindeiro Pleno da Cámara previsións concretas para as obras e, por outro, nos vindeiros días os socialistas rexistrarán emendas ao Orzamento 2024 para que, entre outros investimentos para a provincia de Lugo, inclúa partidas económicas suficientes para acometer esta infraestrutura estratéxica, pola que nos últimos preto de 15 anos o Partido Popular non fixo nada.

De feito, os únicos tramos executados –as variantes de Xove e de Ortigueira- son froito da xestión do PSdeG, a garantía de que cando Besteiro presida a Xunta lle dará prioridade e será a primeira obra que acometa, tal e como se  comprometeu.

Así mesmo, O PSdeG pídelle á Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “que deixe de mentir e de botarlle á culpa aos demais”, porque, “se ten paralizada a Vía de Alta Capacidade, é porque quere e porque castiga á Mariña”. De feito, o propio director da Axencia Galega de Infraestruturas recoñeceu recentemente nunha resposta a Patricia Otero no Parlamento que a VAC Costa Norte non é prioritaria para a Xunta.

“Se a Conselleira se aplicase o conto, daría prazos e orzamentos”

“Se a Conselleira fose responsable e se aplicase o conto daría prazos e orzamentos para a VAC Costa Norte, diría cando e canto, como ela está permanentemente esixindo cos trens Avril, coa ponte do Castro ou coa A-54”, subliñan os socialistas, incidindo en que, coas emendas dos socialistas aos Orzamentos “teñen a oportunidade de rectificar”.

A Vía de Alta Capacidade Costa Norte, anunciada polo Goberno presidido por Fraga e con Xosé Cuíña como Conselleiro en 2001, “tiña que ter rematado en 2007, pero foi abandonada nun caixón ata que chegou o Goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que licitou os únicos dous tramos rematados ata o momento: A variante de Xove, en Lugo, inaugurada en 2017, e a variante de Ortigueira, inaugurada en 2013”, din.

Dende entón, “o PP tena parada porque ano tras ano consigna partidas económicas nos Orzamentos da Xunta que nunca executa. En vez de desbloquear os 9 tramos que aínda quedan pendentes, o Goberno galego trata de responsabilizar á alcaldesa viveirense, que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta pola Xunta e coa que racharan o consenso no proxecto orixinal para a Ponte de Viveiro”, sinalan.

Este abandono da Xunta implica “seguir marxinando ás comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal, deixándoas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo”.

A VAC Costa Norte é unha infraestrutura fundamental para a vertebración e a conectividade da Mariña e de Ortegal, “pero está totalmente abandonada e esquecida pola Xunta, como demostran os retrasos inxustificados e a escasa dotación orzamentaria, que, ademais, nin sequera executa”, din os socialistas.