Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAOurolViveiro

A Mariña en Ruta seguirá a vindeira fin de semana por Viveiro e por Ourol

Por 16 Novembro, 2023Sin comentarios

A Mariña en Ruta seguirá a vindeira fin de semana por Viveiro e por Ourol. O 18 de novembro será o obradoiro de cerámica en Viveiro con Otero Regal na que os asistentes terán a posibilidade de coñecer de preto como Regal fai unha peza de cerámica para despois intentalo eles mesmos. E o 19 de novembro terá lugar un paseo polo patrimonio indiano de Ourol, que será guiado por Noela Feal

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explica que “estamos no outono e ás veces o tempo complícase. Agardamos poder facer todas as rutas previstas. En novembro temos programadas actividades en Ribadeo, Mondoñedo e Burela e xa a mediados de decembro en Lourenzá. Tamén estamos a punto de pechar a ruta polo Valadouro. Os últimos temporais e os lumes de outubro fixeron que tivésemos que reprogramar o calendario inicial”.

A presidenta da Mancomunidade anima “a achegarse á Mariña no outono, para coñecer o territorio de xeito tranquilo, da man de guías e anfitrións locais e deixándonos sorprender pola combinación de cores desta estación”.

As actividades de A Mariña en Ruta teñen unha duración de 2 a 4 horas e poden participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral é de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta

A pasada fin de semana os días 11 e 12 de novembro tiveron lugar as rutas por Trabada para coñecer a Fraga da Becerreira e por Xove a través dos cantís esculpidos polo mar entre Morás e Portocelo. As persoas que se achegaron ata Trabada puideron coñecer o bosque húmido atlántico. Neste lugar poden observarse carballos cubertos de distintas variedades de musgos e liques que nesta tempada, coa caída da folla, conforman un espazo cun colorido único e un encanto especial complementado por acivros, erbedos, arandeiras ou o fento de botón, entre outras moitas especies vexetais de gran valor ecolóxico.

E os participantes na ruta de Xove tiveron a oportunidade de pasear polo parque etnográfico de Morás, tratando aspectos relativos á historia recente vencellados á factoría baleeira activa no lugar entre o 1965 e 1975, á sucesión das actividades industriais coa implantación de Alumina-Aluminio, á construcción dos Dolos e ás peculiares formacións xeolóxicas dos Cantís de Papel.