Skip to main content
Viveiro

A concellería de Medio Rural de Viveiro planifica reunións semanais polas parroquias

Por 17 Novembro, 2023Sin comentarios

A concellería de Medio Rural de Viveiro vén de planificar reunións semanais ao longo dos seguintes meses en todas as parroquias que conforman o concello.

A nacionalista e tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, xunto co concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez Castro, acudirán a entre os meses de novembro e xaneiro cubrindo todas as parroquias de Viveiro.

Para este mes de novembro, o luns 20 terá lugar a reunión na escola antiga de Boimente, o mércores 22 na de Chavín, luns 27 na de Valcarría e o mércores 29 na de Magazos, en todos os casos ás 19.30 horas.

“Será esta unha forma de demostrar a importancia que ten para nós, o BNG, o Medio Rural e converter as parroquias do rural nunha alternativa de vida e de calidade para a súa veciñanza, contribuíndo a reverter a situación de envellecemento e despoboamento que ameaza o futuro das parroquias rurais do concello”, indicaron.

Así pois, facen un chamamento a toda a veciñanza para que acuda ás mesmas coa finalidade de compartir as súas inquedanzas e intereses e “poder mellorar así o concello pouco a pouco”.

En decembro, a previsión é:
  • luns 11 en Xunqueira (antiga escola)
  • mércores 13 en Faro (antiga escola)
  • luns 18 en Galdo (antiga escola)
  • mércores 20 en San Pedro (antiga escola)
E en xaneiro:
  • luns 8 en Landrove (antiga escola)
  • mércores 10 en Vieiro (antiga escola)
  • luns 15 en Celeiro (Casa do Forno)
  • mércores 17 en Covas (Centro social)
    luns 22 en Viveiro (Salón multiusos)