Skip to main content
Viveiro

Villares defende en Celeiro ao sector pesqueiro “para garantir a súa viabilidade”

Por 26 Novembro, 2023Sin comentarios

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a estreita colaboración entre a Xunta de Galicia e o sector pesqueiro galego no traballo de avanzar cara a sustentabilidade así como na defensa desta actividade, estratéxica na economía da comunidade, ante os novos desafíos mantendo sempre un equilibrio entre os aspectos económicos, sociais e medioambientais. O responsable autonómico fixo estas manifestacións no acto de clausura das XXVII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro promovidas pola Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro (OPP-77) na que tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta como poñente no relatorio baixo o título “O rumbo da Europa pesqueira e a súa demora a Galicia”.

O conselleiro sinalou que unha proba deste compromiso é a Lei do Litoral, suspendida polo recurso do Goberno central ante o Tribunal Constitucional, que conta co absoluto respaldo do sector xa que viña a dar seguridade xurídica ás empresas e a recoñecer o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico para o desenvolvemento sostible do litoral. O titular de Mar cualificou de despropósito a actuación do Executivo estatal xa que prexudica a unha industria que factura 9.000 millóns ao ano e xera 40.000 empregos, cun papel clave no desenvolvemento das zonas costeiras.

Alfonso Villares subliñou a necesidade de reconducir a Política Pesqueira Común (PPC) para que sexa máis xusta e na que tamén se recollan outros aspectos como os sociais ademais dos medioambientais. Nese sentido, amosouse crítico co camiño tomado pola Comisión Europea poñendo como exemplo o veto á pesca de fondo, recorrido pola OPP-7 de Burela na que o goberno galego participa como coadxuvante. Tamén reclamou que todas e cada unha das rexións deben ser escoitadas, entendidas e tidas en conta coas súas específicas singularidades na PPC e puxo en valor a presenza da Xunta de Galicia na última Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas celebrada en Saint Maló este mes así como a sinatura da Declaración de Cardiff na que se reclama a configuración da Macrorexión Atlántica, fixando as súas prioridades e modelo de gobernanza.

O titular de Mar fixo unha valoración positiva no relativo a que se avance en TACS e cotas plurianuais, aspecto que leva defendendo desde fai tempo o executivo galego, en liña co manifestado polo Consello Galego de Pesca xa que permite dotar de maior estabilidade ao sector, facilitar unha maior planificación ás empresas así como a realización de análises máis amplos do estado de cada recurso. Aínda así, apostou por outros modelos de xestión naquelas pesquerías que amosaron maior estabilidade nos últimos tempos.

O conselleiro sinalou o traballo desenvolvido pola Consellería do Mar na promoción da comercialización dos produtos pesqueiros en ámbitos como os mercados de proximidade ata nas principais feiras sectoriais co obxectivo de difundir os valores nutritivos e culinarios destes alimentos. Galicia superou no 2022 a barreira dos 2.700 millóns en exportacións, cun crecemento do 12% respecto ao 2021 convertendo a nosa comunidade na 10 exportadora mundial de produtos da pesca.

Confraría centenaria

Estas xornadas consolídanse un ano máis como foro de información, divulgación e debate no que se dan cita profesionais e expertos para abordar os principais asuntos de interese así como os desafíos futuros do sector pesqueiro. Nesta edición, ademais, os organizadores quixeron render un merecido e especial recoñecemento pola súa traxectoria á confraría de pescadores “Santiago Apóstolo” de Celeiro con motivo da celebración do centenario da súa constitución pola súa contribución en favor da actividade pesqueira.