Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXAO ValadouroTrabadaXove

O GDR Terras de Miranda aposta polo produto local nos comedores escolares

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

O GDR Terras de Miranda xa forma parte do novo proxecto de cooperación denominado Rede de Ecocomedores. Unha idea que ten como obxectivo a incorporación de produto local, de tempada e ecolóxico nos menús dos comedores escolares.

Así, os centros CEIP Plurilingüe Celso Currás de Trabada, o CEIP de Cervo, o Pedro Caselles Rollán de Xove e o CEIP Santa María, de O Valadouro, son os primeiros participantes neste proxecto.

En cada centro o GDR puxo a disposición dos centros un equipo de nutrición que revisou os menús do comedor, fixo un cálculo da cantidade de verduras que se consumen, valorouse a coordinación coas explotacións do territorio, a ampliación dos protocolos de cociña e fíxose un asesoramento nutricional.

Tamén promoveu xornadas de formación para persoal de cociña e charlas para familias como no IES de Foz no que recentemente se realizou unha xornada de cociña co obxectivo de iniciar un proceso de creación dun circuíto curto de comercialización que permita un acercamento entre os produtores locais e os comedores escolares.

Ademais de crear espazos de colaboración e comercialización para pequenos produtores, con este proxecto tamén se promoven os produtos locais, diminuíndo a pegada ecolóxica da alimentación, ao tempo que se dinamiza a economía local e se fortalece a capacidade de produción de pequenos produtores, xeralmente novos emprendedores.