Skip to main content
A Pobra do BrollónAxenda Caducada

A iniciativa Toponimízate achega a riqueza toponímica ao Concello da Pobra do Brollón

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

A iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega esta tarde ao Concello da Pobra do Brollón. A Casa da Cultura acollerá a partir das 19.30 horas unha das charlas da nova edición da campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na sesión, aberta a todo o público, as persoas asistentes aprenderán a empregar a aplicación Galicia Nomeada, coa que poderán colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

A iniciativa

Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando Galicia Nomeada.

Nesta edición a campaña visitará unha ducia de municipios onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia á procura de persoas que queiran colaborar neste labor. No caso da Pobra do Brollón, a través desta aplicación rexistráronse ata o momento un total de 315 achegas públicas.