Skip to main content
Axenda CaducadaTaboada

O documental ‘O médico dos pobres’ chega a Taboada este sábado

Por 24 Novembro, 2023Novembro 25th, 2023Sin comentarios

O documental ‘O médico dos pobres’ proxectarase en Taboada o vindeiro sábado 25 de novembro. A peza recolle a historia de Manuel Díaz González, “o Pequeniño do Incio”, médico rural, deputado provincial e alcalde do Incio asasinado por motivos políticos en 1936.

A proxección, que está organizada pola Casa da Memoria co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, comezará ás 19.30 horas no Cuartel Vello. Manuel Díaz é lembrado como médico altruísta e persoa bondadosa que ademais foi alcalde republicano do Incio. No documental participan familiares e expertos historiadores, entre eles, o arqueólogo guímaro Xurxo Ayan Vila e os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho.

O título do filme corresponde a un dos sobrenomes polos que era coñecido Manuel Díaz González, que atendía gratuitamente ás persoas de poucos recursos económicos. Tamén foi coñecido como “o pequeniño do Incio” pola súa curta estatura, que se debía a un problema de crecemento causado por unha meninxite que padeceu na infancia.

A literatura como fío condutor

O fío condutor deste documental parte do libro Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista. Díaz iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lápis que de forma casual atopou entre documentos da familia polo ano 1978.

A peza, dirixida por Federico Rioboo, foi producida por iniciativa da asociación A Memoria é Náufraga, que creou en Bóveda o centro cultural A Casa da Memoria. Neste edificio, situado na aldea de Xullán, na parroquia de Toimi, Manuel Díaz permaneceu agochado durante días ata que foi apresado e fusilado.

As mulleres que o axudaron foron compasivas, lúcidas e sobre todo moi valentes, unha actitude que se recolle no documental ao destacar anonimamente as verdadeiras heroínas duns tempos de guerra e medo a través de testemuñas rescatadas da tradición oral e nos propios lugares onde sucederon.

No documental tamén aparece o testemuño dun veciño de Laiosa —de máis de 90 anos— que viu ao médico cando era conducido por unha cuadrilla de falanxistas ata o lugar onde o mataron. O proxecto conta co apoio económico das deputacións de Lugo e A Coruña, pero tamén de preto de sesenta doantes que participaron nunha campaña de micromecenado organizada para axudar a financiar.