Skip to main content
A Pobra do BrollónAxenda Caducada

A Pobra do Brollón acolle unha xornada sobre actividades agrogandeiras

Por 27 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello da Pobra do Brollón acolle a xornada ‘Actividades agro-gandeiras fronte aos incendios na montaña’. A proposta, que está organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrarase o vindeiro sábado 2 de decembro.

Nesta iniciativa daranse a coñecer experiencias de diferentes lugares de Galicia, incluídas dúas locais da man de Alex Villa en Marcón (A Ferreirúa) e Marcos Ferreira de Parada dos Montes.

A xornada inaugural será o 2 de decembro coa recepción dos participantes  a partir das 9.30 horas. O alcalde do Concello, Xosé Luís Maceda será o encargado de levar a cabo a apertura da reunión a partir das 10.00 horas. A continuación, Quico ónega López, enxeñeiro agrónomo levará a cabo a exposición ‘Terra Activa’ sobre como desenvolver ferramentas e materiais para novos entrantes no medio rural.

Ás 11.00 horas é a quenda de Natividad González e Francisco López Villar, directivos da Comunidade de Montes de Pinzás, que falarán sobre a mellora da xestión do MVMC de Pinzás mediante a recuperación da actividade gandeira.

Conferencias e debate

A partir das 12.00 horas os asistentes coñecerán as propostas de creación de faixas de pastoreo nos montes do Courel e da Pobra do Brollón. Neste senso, María Virginia Rodríguez López falará sobre as condicións e dificultades do inicio dunha explotación familiar de cabras en Sobredo. A partir das 12.40 horas, levarase a cabo a exposición ‘Fernandín’: unha granxa de vacas de carne nos montes de Seceda, da man do gandeiro de Javier Carballo Gallego.

Roi Estévez Pérez, enxeñeiro de montes contará a súa experiencia como novo entrante como ovellas en Vieiros (Quiroga). Ademais, Alex Villa García achegará as experiencias de recuperación de terras abandonadas con vacas cachenas en Marcón. A partir das 13.40 horas, será o debate sobre os temas tratados. Para poder participar é preciso inscribirse antes do 28 de novembro a través do correo sgpf.galicia@gmail.com ou a través dos números 686 620 154 ou 628 713 263.