Skip to main content
Comarca LUGOXAPedrafita

O viaduto do Castro dirección Madrid rematará antes de fin de ano

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

O BNG conseguiu o compromiso coa firma do acordo de investidura de que o treito en sentido Lugo se porá en funcionamento antes do remate de 2024.

Unha delegación de cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca de Lugo desprazouse ata o viaduto do Castro para amosar o conseguido polo BNG no pacto de investidura do Estado. O Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, estivo acompañado polo portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e por integrantes da candidatura do BNG no concello de Pedrafita do Cebreiro. Efrén Castro fixo un balance “moi positivo” de todas as medidas do acordo, e afirmou que “todas e todos os lucenses gañamos ao desbloquearse un gran número de cuestións necesarias en materia de infraestruturas”.

O BNG conseguiu o compromiso do Goberno do Estado para recuperar a conexión da A-6, unha das principais vías de comunicación de Galiza co resto do estado que leva dende xuño de 2022 inutilizada debido ao colapso deste viaduto. O Goberno do Estado executará os traballos en sentido Madrid antes de final de ano, mentres que o treito en sentido Lugo estará en funcionamento antes do remate de 2024.

Entre o conseguido nas negociacións polo BNG en materia viaria, figura tamén a finalización dos treitos pendentes de execución da Autovía Lugo – Santiago antes do peche do exercicio 2024 e o estudo de actuacións de mellora en todo o percorrido da N-VI en Galiza.

O BNG conseguiu tamén un plan de modernización da rede ferroviaria galega, co que se avanzará na modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo – A Coruña, no treito que comunica Lugo e Betanzos, ademais de realizar un estudo sobre a variante de Curtis e Ordes que permita a conexión directa en tren entre Lugo e Compostela.

Neste sentido, Efrén Castro pon en valor os logros conseguidos e sinala que este acordo “demostra a importancia de ter unha forza política como o BNG, a única forza coas mans libres que verdadeiramente defende os intereses da Galiza”.