Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Espléndido debut do CD Lugo na Liga Genuine

Por 24 Novembro, 2023Sin comentarios

O CD Lugo Genuine trasladábase a Tarragona para dar comezo a unha nova tempada da Liga Genuine. Durante tres días, os albivermellos puideron gozar dunhas xornadas repletas de emoción e valores nas que compartiron momentos co resto de equipos presentes na cidade.

A experiencia empezaba o venres coa visita do parque temático de Portaventura, onde a expedición albivermella gozaba das innumerables atraccións e espectáculos que ofrece o complexo turístico. Na quenda de tarde, os mozos e mozas presenciaron no Nou Stadi Costa Dourada, estadio do Gimnàstic de Tarragona, equipo anfitrión desta parada no calendario, o acto de inauguración desta sexta edición da Liga Genuine. Os 46 equipos que conforman a liga estiveron arroupados por unha multitude de afeccionados, amigos e familiares que os animaron durante o desfile inaugural ao son dos seus respectivos himnos.

O sábado daba comezo a competición cos primeiros partidos, cun CD Lugo Genuine que quedaba enmarcado no Grupo Superación. No encontro da mañá, os nosos enfrontábanse ao Selecta CF, con vitoria para o equipo andaluz por 2-1. O segundo partido do día disputábase co Real Betis, que se saldaba cun 0-3 no marcador para o equipo verdibranco.

A participación albivermella concluía o domingo, coa disputa dun duelo sempre especial coa SD Ponferradina, con vitoria berciana por 1-2. Unha vez máis, os nosos loitadores e loitadoras representaban ao club con valores como a tolerancia, o xogo limpo e a deportividade como bandeira. A fin de semana finalizaba coa tradicional entrega de medallas a todos os membros da expedición.

Tras a disputa da primeira fase da competición, o CD Lugo Genuine pon un ollo xa na seguinte fase do calendario, que terá lugar na Coruña do 15 ao 17 de marzo.