Skip to main content
Antas de Ulla

A alcaldesa de Antas denuncia irregularidades na xestión de fondos europeos por parte do anterior alcalde e unha débeda de 1,5 millóns

Por 9 Novembro, 2023Sin comentarios

“A situación é extremadamente grave, informaremos ao Consello de Contas e xa estamos traballando para buscar solucións mantendo todos os servizos municipais e os investimentos”, explica Pilar García Porto.

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, denunciou públicamente “a gravísima situación económica” na que se atopa o concello, cunha débeda herdada do goberno local anterior de 1,5 millóns de euros, o equivalente ao 75% do orzamento anual municipal.

Nunha rolda de prensa celebrada no concello, García Porto puxo en coñecemento dos medios de comunicación “un feito aínda máis alarmante que a propia débeda, xa que o anterior alcalde desviou os 816.000 euros de fondos europeos que o concello obtivo para a reforma da Casa da Cultura ao pago de facturas nos meses previos ás eleccións municipais”.

Acompañada por todo o equipo de goberno, a alcaldesa explicou que “nestes meses estivemos recabando toda a información e analizándoa, algo que resultaba moito máis necesario pola opacidade coa que actou sempre o anterior alcalde, o señor Javier Varela”.

“Lamentamos que a situación económica sexa tan grave polas débedas acumuladas e a xestión caótica, neglixente e irresponsable durante os anteriores mandatos”, engadiu.

Entre as débedas acumuladas, García Porto enumerou os 300.000 euros que o concello está obrigado a pagar por sentenzas xudiciais, ou os 75.000 euros polo impago do subministro de electricidade nas instalacións municipais. Ademais, cada mes Sogama e o Consorcio Galego de Benestar “retéñenlle ó concello arredor de 60.000 euros por impagos do servizo de tratamento do lixo e da gardería, respectivamente”.

O concello tamén debe pagar máis de 100.000 euros pola compra de dous inmobles: 22.000 euros pola Casa da Irmandade e 79.000 euros pola Casa Cuartel.

Casa da Cultura

O Concello de Antas de Ulla ingresou en decembro de 2022 a subvención de 816.000 euros que lle foi concedida polo Goberno de España con fondos europeos para a reforma da Casa da Cultura, “pero e o anterior alcalde destinou todos eses cartos ó pago de facturas que tiña pendentes”, explica García Porto.

“É dicir, desviou os fondos públicos con carácter finalista que recibiu o concello para as obras da Casa da Cultura para pagar facturas e débedas. E fíxoo en época preelectoral, durante os seis meses antes ás eleccións municipais, polo que a neglixencia foi absoluta”, aseverou García Porto.

“A situación é tan grave que gastados eses máis de 800.000 euros, hoxe o concello non conta con cartos nas contas para facer frente aos pagos que se deriven da execución das obras da Casa da Cultura, pero se non se fai tampouco ten os cartos para devolvelos ao ministerio porque se gastaron para pagar facturas”, advirte.

“A maiores dese pufo de 816.000 euros que nos deixou, haberá que pagar outros 277,000 euros porque, por un lado, tivemos que refacer o proxecto técnico, que non se adaptaba ás actuacións subvencionables, e, por outro, porque o concello tiña mal calculado o IVE, no proxecto básico poñían o 10% de IVE cando o que corresponde é o 21%, e o IVE hai que aportalo dende o concello”, engade a alcaldesa.

A pesares desta situación, “son consciente de que os nosos veciños nos votaron porque confiaron en nós para poñer fin a todo este caos, a todas estas malas prácticas. E iso é no que estamos traballando e o que imos tratar de facer, con medidas excepcionais e tamén creo que valentes”.

“Neste mes de novembro convocarei un pleno pars anunciar as solucións que adoptaremos e nese pleno aprobaremos o instrumento que nos permita reorganizar económicamente o concello”, garante García Porto, que adianta que Antas de Ulla “contará en xaneiro cun orzamento que permita ir saneando as contas, mantendo os servizos municipais e os investimentos para os nosos veciños”.