Skip to main content
Castroverde

A Deputación investirá en Castroverde 150.000 euros en obras nas parroquias

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e o alcalde castroverdense, Xosé María Arias, asinaron un acordo de colaboración para levar a cabo melloras que beneficiarán aos veciños e veciñas de Miranda, Lourentín, Furís de Abaixo, Riomol, A Meda, Vilacote e Folgueiras, e para as que o Goberno galego negou financiamento

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres en San Marcos un acordo de colaboración co Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, a través do que a institución provincial aporta 150.000 euros ao Concello, que lle permitirán facer obras en diversas parroquias para as que a Xunta de Galicia lle denegou financiamento.

En concreto, trátase de melloras na mobilidade do rural co acondicionamento de camiños con pavimento de formigón nos núcleos de Lourentín, Furís de Abaixo, Riomol e A Meda; mellora en rega asfáltica de camiños nos lugares de Miranda e Vilacote; o pavimentado con formigón no núcleo de Miranda; e a mellora da recollida de augas pluviais de Folgueiras.

Obras “moi importantes” para o día a día da veciñanza destes núcleos de poboación, subliñou o Presidente, “que temos que financiar dende a Deputación, nunha mostra máis da nosa permanente colaboración cos concellos da provincia, porque a Xunta de Galicia non o fai”. José Tomé incidiu en que este apoio económico pon de manifesto que a institución provincial é unha administración esencial para o funcionamento das entidades locais e para mellorar e ampliar os servizos que ofrecen aos seus veciños, suplindo en numerosas ocasións, como é neste caso de Castroverde, a falta de investimentos da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o Alcalde de Castroverde agradeceu e puxo en valor a aportación económica da Deputación para que o Concello poida acometer estas obras “tan relevantes para os veciños do municipio, porque estamos falando de servizos básicos, como é o arranxo de vías ou a mellora da rede de pluviais, que favorecen a calidade de vida da xente, e iso é polo que temos que traballar as administracións públicas, máis alá de cores partidistas”.

Neste sentido, subliñou que a Deputación “vese na obriga de suplir as carencias e o abandono da Xunta de Galicia que sufrimos os concellos que non son da súa mesma cor política”, poñendo como exemplo as obras nestes núcleos rurais que agora Castroverde poderá acometer grazas á institución provincial tras a negativa da Xunta a financialas.

O alcalde ratificouse nas súas críticas ao Goberno galego a raíz da visita que fixo o seu delegado na provincia o pasado mércores a Riomol, que converteu “nun acto totalmente partidista” e no que “vendeu como algo extraordinario un investimento que nos corresponde por Lei, que a Xunta está obrigada a conceder, como é o Fondo de Compensación Ambiental, mentres lle está denegando continuamente axudas ao Concello”, o que supón, aseverou, “unha falta de respecto aos veciños e veciñas do meu concello”.