Skip to main content
O Corgo

A Deputación inicia as obras de reparación de danos do cinto comarcal á altura do Corgo

Por 23 Novembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo iniciou esta semana as obras no cinto comarcal á altura da parroquia de San Pedro de Cerceda, no concello do Corgo, para arranxar os danos dos últimos temporais, pouco máis de dez días despois de producirse.

A institución inviste preto de 83.000€ para acometer os traballos de emerxencia, necesarios tralo afundimento da vía no punto quilométrico 12,450, o que obrigou a cortar o tráfico e habilitar desvíos alternativos, que están debidamente sinalizados.

As obras consisten na substitución do actual sistema de drenaxe por un marco de formigón prefabricado de sección rectangular de 3×2 metros cadrados deixando soterrado 25cm da cara superior do pavimento, dando así unha maior capacidade de drenaxe co fin de restablecer a circulación coas mellores garantías e condicións de seguridade. Posteriormente, procederase ao acondicionamento da pavimentación do firme, e á reposición da sinalización e implantación do sistema de contención.

A Deputación está a acometer as tarefas en base aos requisitos e en plena coordinación coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Así mesmo, na execución dos mesmos estase a adoitar en todo o momento as medidas precisas para evitar a contaminación das augas. O prazo de execución é de dous meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan.