Skip to main content
A FonsagradaAxenda Caducada

Abertas as inscricións para varios obradoiros da VIII Foliada da Fonsagrada

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

A Fonsagrada acolle os vindeiros días 7, 8 e 9 de decembro a VIII da Foliada da Fonsagrada organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo.

Xa comezaron a debullar os obradoiros e actividades cos que deleitarán aos asistentes, así mesmo contarán cunha butelada o xoves 7 ás 21.30 horas e que terá opción vexetariana.

Os menús serán cocido da Fonsagrada consistente en cachola, lacón, garavanzos, grelos, cachelos e butelo; ou o vexetal que terá grelada de verduras e risotto. Ambos menús incluirán de postre brazo de xitano, así como café e bebida, que consistirá en viño, cervexa, refrescos, gasosa e auga.

Comezarán os obradoiros co de Ramses Ilesies e no que se fará unha toma de contacto cos ritmos básicos a dúas mans da tradición asturiana.. Será o xoves 7 de decembro de 16.00 a 19.00 horas no local da Asociación Antaruxas e Sorteiros. Para anotarse será necesaria a previa inscrición.

Así, contarán cun obradoiro de Brindos e Loias que estará a cargo de Kike Estévez, filólogo, profesor e repentista vigués, é especialista no canto improvisado oriental galego. Será o xoves 7 de decembro de 19.00 a 20.30 horas no local da Asociación Antaruxas e Sorteiros. Para anotarse haberá que inscribirse aquí.

Tamén comunicaron que o venres 8 será o concerto de Pedro Lamas en homenaxe a Kepa Junkera, unha actuación que recompila a traxectoria do vasco.

Tamén proporcionan lugar de durmida no polideportivo por un prezo de 5 euros. Aquí se poden atopar as bases reguladoras do hospedaxe.

Por outra banda e como cada ano, a Foliada da Fonsagrada homenaxea a algúns dos persoeiros máis relevantes da súa comarca. O primeiro foi Emilio do Pando, seguindo polo bailador Horacio de Xestoso, Serxio da Veiga e os cegos Modesta e Florencio. Con todo, tamén houbo homenaxes en vida, tal e como aconteceu no caso das bailadoras e das gaiteiros.

Para todos os integrantes da A.C. Petapouco e a Destempo é importante recordar e amosar a calidade do traballo de todos os persoeiros da Fonsagrada para valorar e coidar o patrimonio da súa comarca, motivo principal polo que se comezou a celebrar esta festa que, para o seu contento, non deixa de medrar.