Skip to main content
A Fonsagrada

O BNG convoca unha manifestación diante do Centro de Saúde da Fonsagrada en defensa da sanidade pública

Por 25 Novembro, 2023Novembro 26th, 2023Sin comentarios

O BNG convoca unha concentración na Fonsagrada pola defensa do Centro de Saúde da vila. Rosa Rego, concelleira do BNG na Fonsagrada, explicou que na actualidade o Centro de Saúde da vila conta só con 3 médicas que atenden á veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, preto de 4.000 persoas cunha media de idade moi avanzada. “A Xunta intenta facer na Fonsagrada o que xa se fixo noutros centros de atención primaria, redúcese a calidade do servizo ata pechar o centro de saúde”, afirmou Rego.

“Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada e facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse ata Becerreá, temos que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria”, afirmou Rosa Rego, que engadiu “eliminouse o médico compartido con Negueira de Muñiz, como fixeran xa antes co de Ribeira de Piquín, na Fonsagrada perdemos un facultativo 3 días á semana”. O BNG destaca a gravidade da situación, dado que no vindeiro mes xubílase outro médico, e a veciñanza teme que o Sergas non cubra a praza como realizou en outros concellos.

Ante esta situación, o BNG presentará diferentes iniciativas no Parlamento galego para reactivar a atención primaria, e neste caso, a reposición urxente de persoal facultativo nesta comarca, ademais de convocar a toda a veciñanza afectada a unha concentración o vindeiro luns, 27 de novembro, a partir das 12:00 diante do do centro de saúde.