Skip to main content
Lugo

“Un dos proxectos máis próximos é crear un cemiterio de animais”

Por 1 Novembro, 2023Novembro 2nd, 2023Sin comentarios

Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza.

Este ano celébrase o 75 aniversario do cemiterio de Lugo. Pode contarnos un pouco os cambios que se produciron nestes anos?

Dende a nosa chegada ao goberno do Concello de Lugo realizamos numerosos cambios. Entre eles, fixemos a primeira ampliación dende o 2006 coa que se crearon novos espazos atendendo ás demandas existentes e contando coa necesaria dispoñibilidade de sitio para o futuro. Tamén apostamos por unha programación activa durante o ano e para todo tipo de idades co fin de achegar o noso patrimonio artístico, arquitectónico e histórico, cheo de cultura e historia, a toda a veciñanza de Lugo. Neste sentido, inauguramos un espazo expositivo permanente que acolle mostras que apostan por temas fundamentais como pode ser a recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias. Outro dos cambios máis recentes foi a creación dun espazo reservado para o dó perinatal, unha temática dura moi silenciada e que debe ser visibilizada.

Actualmente cal é a súa capacidade? Hai dispoñibilidade?

Dende a última ampliación, o cemiterio conta con 407 novos nichos, 140 columbarios e 23 criptas a maiores das que xa había. Na actualidade, debido a este reforzo, non existe ningún tipo de problema por falla de espazo.

Neste 75 aniversario estase a facer unha programación especial?

Con motivo do 75 aniversario, dende a concellería de Participación preparamos un programa especial e extenso para dar a coñecer a historia do Cemiterio de Lugo. As actividades comezaron xusto o primeiro día coa apertura dunha exposición fotográfica que, a través de 75 imaxes, recollen a historia do Cemiterio Municipal de San Froilán, cos eventos e lembranzas de todos os anos de servizo desta instalación. Ademais, dende ese día ofrecemos visitas teatrais guiadas e actividades de todo tipo para todas as idades que se estenderán durante todo o ano. Precisamente esta variedade de actividades fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos.

Recentemente creouse un espazo perinatal. Podería explicarnos como xurdiu a idea?

Ata hai moi pouco tempo o dó ante un falecemento perinatal era totalmente invisibilizado, non recoñecido polos profesionais e aínda menos pola sociedade. Por sorte, cada vez son máis os que recomendan e consideran fundamental ofrecer algún tipo de atención psicolóxica ás persoas afectadas. Tal e como indican as e os profesionais na materia, dentro dese dó, ter un lugar onde recordar é unha axuda imprescindible para o entorno familiar durante o proceso de superación. É necesario visibilizar a dor dunha morte xestante, unha temática dura moi silenciada e que debe ser visibilizada.

Tamén son unha novidade recente as visitas teatralizadas. Teñen éxito? En que consisten?

As visitas teatralizadas son a actividade máis pedida e con máis éxito de todas as que organizamos. Cando sacamos as entradas sempre se esgotan ao pouco tempo. Ese éxito débese, case seguro, a que a encargada de realizar estes paseos é a compañía de teatro Achádego, un grupo xa histórico en Lugo e que conta cunha traxectoria envidiable. Nestas rutas, os e as artistas da compañía reencárnanse nalgunhas das principais figuras da nosa cidade para guiar ás persoas asistentes a través da historia e tradición de Lugo.

Tamén foi recoñecido con algún premio pola súa beleza. Podería explicarnos como foi isto?

O cemiterio foi incluído na lista de camposantos máis bonitos do mundo creada pola revista National Geographic. Este recoñecemento foi dado grazas á beleza e á mestura de estilos das súas construcións funerarias, destacando sobre todo o mausoleo neogótico do século XIX, xoias da nosa historia que dende o Goberno de Lugo sempre preservamos. o Cemiterio de Lugo é coñecido e recoñecido a nivel estatal, este ano tiven o privilexio de estar presente en varias mostras, en diferentes cidades, para explicar o noso proxecto.

A nivel infraestrutura fixéronse varias melloras. En que consistiron?

A mellora máis importante foi a realizada durante a ampliación ao incluír un novo sistema de recollida de lixiviados. Trátase de filtros de carbón activado e depósitos de sosa cáustica que permiten neutralizar os residuos orgánicos e controlar as emisións deste tipo de substancias á rede pluvial do Cemiterio.

Que proxectos hai para este lugar?

Un dos proxectos máis próximos é crear o primeiro cemiterio municipal de animais de compañía en Galicia. Levamos varios meses traballando e informándonos sobre o tema para actuar do xeito máis correcto. Habilitaremos un espazo para que as persoas propietarias poidan depositar as cinzas dos seus animais e así teñan un sitio onde recordalos. O cemiterio de mascotas crearase nunha parcela propiedade do Concello que se atopa anexa ao camposanto municipal, xusto na entrada posterior.

Que problemas ou carencias ten?

Dende que chegamos ao Goberno traballamos de xeito continuo na mellora do cemiterio de Lugo. Así o deixamos ver coa ampliación dun cadro de persoal amplo, coa mellora de todos os accesos, así como da comunicación vía bus urbano co centro e barrios da cidade. Con todo, estamos sempre ao servizo da veciñanza nun contacto sempre aberto e dispostos a escoitar calquera petición, malestar ou aportación que axude a mellorar un espazo que é de todas e todos os veciños de Lugo.