Skip to main content
Lugo

A Biblioteca Nodal inicia hoxe o programa especial polo Mes da Ciencia en Galego

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia impulsa máis dunha trintena de actividades para celebrar este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica. A programación de actividades prolongarase ata o 30 de novembro.

A Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, así como as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo acollerán ata 35 actividades de divulgación científica. Obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións son algunhas das citas programadas para este mes.

Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento de variadas iniciativas relacionadas coa ciencia. “Desde a creación do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) procúrase a integración das ciencias e das humanidades a través de diversas actividades e de actualización da colección das bibliotecas dos centros educativos galegos”, salientaron os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Neste sentido, para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos, así como unha colección de libros informativos en galego. Outras das iniciativas que impulsa a Consellería, relacionadas coa divulgación da ciencia en galego, son o proxecto Biblioteca Creativa e metodoloxías activas e traballos por proxectos.

Ademais, o interese polas actividades relacionadas co mundo da ciencia e da tecnoloxía é unha realidade que se evidencia cada vez máis nos centros educativos, un labor co que contribúen os equipos de dinamización da lingua galega e bibliotecas escolares. Entre as propostas máis salientables destacan as charlas, congresos, exposicións, audiovisuais, podcasts, guías de lectura e revistas, entre outras.