Skip to main content
Lugo

Nadela volve manifestarse contra os recortes no centro de saúde

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

Tal e como anunciaran, a veciñanza de Nadela volveu manifestarse en protesta pola situación do seu centro de saúde. O colectivo veciñal considera insuficiente o horario co que reabre o centro, con consultadas tres días á semana catro horas ao día.

O centro abrirá a consulta os luns, mércores e venres, e contará con servizo de enfermaría os cinco días en horario de 8.00 a 15.00 horas. Ademais o centro contará con atención especial en procesos crónicos e unha enfermeira especialista en medicina familiar.

Os manifestantes estiveron acompañados por unha banda polo voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, concelleiras e concelleiros do BNG.

Arroxo afirmou que “é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste centro de saúde que atende a máis de 700 persoas”. Para o portavoz do BNG, “a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade”.

Para Rubén Arroxo, “non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario”. O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. No verán, ante a denuncia do peche do centro por parte das veciñas e veciños, a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, “agora sábese que o plan da Xunta do PP é deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro”.

O BNG trasladará ao Parlamento de Galiza a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro. “Tres días á semana non son suficientes, a poboación non pode decidir que día enferma”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta”.

O BNG critica que a Xunta de Galiza pretenda pechar o centro “nun proceso de desmantelamento da sanidade pública”, e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.

PSOE

O concelleiro e deputado socialista Miguel Fernández sumouse hoxe á concentración convocada pola veciñanza de Nadela para esixir que se recuperen os servizos médicos no centro sanitario desta parroquia lucense.

Fernández trasladaba así o apoio do Goberno local ás reivindicacións da cidadanía que solicitan que se restableza a atención presencial dun facultativo os cinco días da semana, tal e como se dispensaba ate o mes de abril, cando se xubilou o titular da praza deste consultorio.

O edil lamentou ademais que o Sergas “trate de confundir á poboación disfrazando o recorte co anuncio dunha nova unidade de atención protocolizada dos procesos crónicos, nun intento de xustificar a merma paulatina do equipamento sanitario o que repercute directamente sobre a calidade dunha prestación tan esencial como esta”, engadiu o concelleiro.