Skip to main content
Lugo

As Xornadas Luis Asorey centraranse este ano nos soutos de castiñeiros

Por 5 Novembro, 2023Sin comentarios

As XXIV Xornadas Luis Asorey, un foro de divulgación científica promovido pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Campus Terra da USC e da Deputación Provincial de Lugo, afondarán do 13 ao 22 de novembro na condición multifuncional dos soutos de castiñeiros. Estruturadas en diversos relatorios, que se desenvolverán no Salón de Actos do lugués Pazo de San Marcos, o programa das xornadas Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais botará a andar o luns 13 de novembro, a partir das 19.00 horas, co relatorio Os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais, a cargo do catedrático e profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro.

A tamén docente na EPS de Enxeñaría do Campus Terra ofrecerá ao día seguinte no mesmo escenario o relatorio A sanidade do castiñeiro e da castaña. A creación de soutos mansos e as plantacións de soutos para madeira, tratamentos culturais e silvícolas, centrará a temática da exposición que ofrecerá o 15 de novembro nestas xornadas o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro, mentras que o tamén docente da USC Juan Luis Fernández Lorenzo pechará o xoves a primeira quenda de intervencións das XXIV Xornadas Luis Asorey, coa charla Conservación de recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, árbores monumentais.

A investigadora do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán Beatriz Míguez Soto retomará o 20 de novembo a quenda de faladoiros do ciclo Luis Asorey cunha charla sobre o material vexetal na produción de castaña e a aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro. O xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García afondará ao día seguinte na súa intervención en aspectos relacionados coa comercialización e a industrialización da castaña. O director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, pechará as xornadas o mércores 22 de noembro cunha charla sobre o programa estratéxico do castiñeiro e da prdodución de castaña.

As XXIV Xornadas Luis Asorey, coordinadas polo profesor Antonio Rigueiro, desenvólvense de xeito presencial e son de asistencia libre con inscrición previa. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades recoñece asemade este ciclo como unha actividade de formación do profesorado non universitario.