Skip to main content
Lugo

As Xornadas Técnicas do Vacún de Carne cumpren 20 anos

Por 6 Novembro, 2023Sin comentarios

Esta cita terá lugar o 16 e 17 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC cun programa moito máis centrado nos gandeiros e gandeiras.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este luns, na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, as XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro cun apoio económico da Deputación de Lugo que ascende aos 12.000 euros. A institución provincial apoia un ano máis esta cita, que se celebra o 16 e 17 de novembro na Facultade de Veterinaria e permite coñecer as melloras que se están levando a cabo no sector.

No acto tamén participaron o concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural do Concello de Lugo e Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; o presidente do colectivo, Víctor Manrique; e responsables da organización desta cita. Manrique destacou a importancia da aposta da Deputación de Lugo a esta cita para “a continuidade e o compromiso co sector primario”.

Rivera Capón destacou a importancia deste encontro para “achegar os aspectos máis innovadores ao persoal que traballa na cita e converte as granxas en espazos máis sostibles, pero tamén máis competitivos, que é do que se trata”. Así mesmo, celebrou a implicación da institución provincial nestas xornadas para “continuar traballando nun cambio no sector, repensando o modelo actual e mellorando as técnicas de vacún de leite”.

Recordou o traballo que a Deputación realiza da man do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, materializado na Facultade de Veterinaria, con proxectos como a Granxa Gayoso Castro, de titularidade provincial. “Estas xornadas celébranse nunha das mellores facultades do Estado e son unha oportunidade para coñecer a realidade e outorgar valor engadido”, explicou.

Pola súa banda, Fernández sinalou a importancia do ámbito rural para o concello de Lugo e explicou que “aspiramos a que sexa un lugar de oportunidades e para vivir, un espazo que crea riqueza, postos de traballo e fixa poboación”.

O programa do 20 aniversario

Seragro deseñou na vixésima edición un programa con maior presenza de gandeiros e gandeiras, tanto galegos como de fóra de Galicia, que darán voz ao sector e permitirán coñecer a realidade. Esta novidade sumarase ao tradicional encontro gandeiro, que terá lugar o xoves 16 de novembro ao final da xornada, para poñer en común os temas tratados. A clausura será a cargo do humorista e guionista Federico Pérez o venres ás 17:30 horas.

Xoves, 16 de novembro

  • 10:30 horas: Inauguración
  • 11:00 horas: A microbiota mamaria da vaca – Juan Miguel Rodríguez Gómez, Catedrático do Departamento de Nutrición e Ciencia dos Alimentos da Universidade Complutense de Madrid
  • 11:35 horas: A sala de espera desespera – Víctor Manuel Rodríguez Gómez, veterinario de Seragro
  • 12:40 horas: Aumentar o rendemento no millo, é posible? – David Vilacoba, enxeñeiro agrícola
  • 13:10 horas: Mellorar a calidade da herba, é posible? – Ana Rama Andrade, enxeñeira agrónoma de Seragro
  • 13:40 horas: O caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións – Diana Freijeiro Lorenzo, enxeñeira agrónoma
  • 16:00 horas: Fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais afectan ao teu negocio – Economista
  • 16:30 horas: Mesa redonda: O día a día en granxas con sistemas de monitorización
  • 18:00 horas: Encontro Gandeiro

Venres, 17 de novembro

  • 11:00 horas: Por que o meu veciño produce máis ca min? Deseño e manexo de instalacións – Alberto Jurado Moreno, enxeñeiro agrónomo
  • 11:45 horas: O manexo e mellora de instalacións enfocados á saúde podal – Marc Pineda Balsells, veterinario
  • 13:00 horas: Como utulizar de xeito práctico os datos que nos dan as tecnoloxías da granxa – Aurora Villarroel, doutora veterinaria
  • 16:30 horas: Mesa redonda: Xestión de persoal
  • 17:30 horas: Acto de clausura con brinde do leite