Skip to main content
Lugo

Comeza o obra de canalización para a peonalización de Santo Domingo

Por 6 Novembro, 2023Sin comentarios

En próximos días adiantaranse traballos previstos na Fase 5 en simultáneo á Fase 1, na rúa do Teatro, para concentrar as afeccións ao tráfico e minimizar as molestias. O acceso á praza de Abastos e a rúa Armañá realizarase, previsiblemente, desde Quiroga Ballesteros e habilitarase un carril cara a rúa San Marcos para a saída do tráfico rodado.

Avanzan as obras de peonalización de Santo Domingo e a rúa do Teatro coa canalización e dotación de servizos, simultaneando os traballos da Fase 1, na que se está a executar a instalación de iluminación, telefonía e acometidas do carril dereito da rúa do Teatro (segundo sentido de circulación cara a praza), coa Fase 5, que incluirá a execución das instalacións de saneamento, abastecemento, baixa tensión e telefonía entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña.

Deste xeito, os labores previstos dentro da Fase 5 comezarán esta mesma semana, co fin de concentrar no mesmo período de tempo as afeccións ao tráfico, minimizar as molestias e axilizar os traballos. Así, os traballos entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña acometeranse ao mesmo tempo que formigonan e pavimentan o carril que está levantado agora na rúa Teatro, así como os da Fase 3, diante de Calzedonia.

Neste senso, o Concello informa que xa está a elaborar o plan de tráfico, que trasladará á cidadanía proximamente, aínda que previsiblemente, o acceso á Praza de Abastos e a rúa Armañá realizarase desde Quiroga Ballesteros e habilitarase un carril cara a rúa San Marcos para a saída do tráfico rodado.

Estas obras non afectan á configuración da propia Praza de Santo Domingo, xa que o goberno de Lara Méndez está a espera de recibir as últimas conclusións do estudo de cargas para definir o proxecto da man da veciñanza, coa que se reunirá a rexedora tal e como comprometeu.

O tempo previsto para a execución desta nova fase é de dous meses. As tarefas nas diferentes fases de obra contemplarán os traballos de demolicións, canalizacións, gabias e instalación de servizos, así como o pavimentado final.

Estes traballos enmárcase no plan de peonalización entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro, contemplado no proxecto Zero: Corazón verde para a peonalización integral do Centro Histórico, para o que o executivo de Lara Méndez acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, a través dos fondos europeos Next Generation.