Skip to main content
Lugo

Candia presenta a Afammer un decálogo de medidas para a defensa da muller rural

Por 6 Novembro, 2023Sin comentarios

“Lugo é unha provincia con marcado carácter rural “do que estamos moi orgullosos no Partido Popular onde o temos moi presente á hora de facer propostas e adoptar medidas nas institucións onde gobernamos. E, se falamos do rural, “non podemos esquecer, dentro das familias, a figura das mulleres ás que tanto temos que recoñecer por ser o piar fundamental da nosa sociedade”. Así o indicou a presidenta do PP provincial, Elena Candia, no momento da entrega dun decálogo que recolle as liñas de traballo que defende o PP da provincia de Lugo para dotar de oportunidades ás mulleres do rural a Carmen Quintanilla durante unha reunión enmarcada na visita que a fundadora e presidenta da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer) de ámbito nacional está a realizar á provincia de Lugo.

O encontro, no que tamén participaron representantes veciñais, deputadas autonómicas e representantes do PP lucense no Congreso e no Senado, serviu para intercambiar experiencias e opinións; ademais de abordar as necesidades que lles trasladan as asociacións de mulleres rurais e dende Afammer Lugo, a federación provincial recentemente constituída. “Queremos traballar da man para avanzar no desenvolvemento do rural que pasa, sen dúbida, por desenvolver políticas de apoio ás mulleres en relación a diversos ámbitos”, segundo defenden as populares.

De feito, o decálogo recolle propostas e obxectivos no ámbito da corresponsabilidade, a conciliación, a concienciación e prevención da violencia de xénero, a formación, a dixitalización, a empregabilidade ou a dinamización social vencellada á saúde.

MEDIDAS DE APOIO ÁS FAMILIAS DO RURAL

Candia subliñou que “no ámbito autonómico o Goberno de Alfonso Rueda está a desenvolver xa moitas medidas para facilitar a conciliación, favorecer o emprendemento e dotar de oportunidades ao rural tendo moi presente a perspectiva de xénero. Todas elas co obxectivo común de facer atractivo o rural para asentar poboación a través de políticas dirixidas a garantir a igualdade de oportunidades entre os ámbitos urbanos e rurais e, por suposto, entre homes e mulleres”.

A popular citou, por exemplo, axudas ao emprendemento feminino que se suman ao asesoramento e outros apoios para favorecer a creación de emprego ou ás subvencións dirixidas á actividade agrogandeira para a posta en valor do noso medio rural que favorecen o asentamento de mozos e mozas no rural. Candia subliñou, neste sentido, que “a nosa provincia liderou no período 2016-2020 de xeito destacado a percepción das axudas a pequenas explotacións (52% dos expedientes aprobados), a plans de mellora (48% dos expedientes aprobados) e incorporación de mozos e mozas (41,5% dos expedientes aprobados)”. Ademais, o Goberno autonómico vén de anunciar para o 2024 a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais do que se poderán beneficiar os habitantes do rural.

A presidenta do PP provincial tamén lembrou as medidas para facilitar a conciliación familiar tanto no ámbito urbano coma no rural a través da gratuidade universal das escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos ou a implantación de casas niños e casas do maior nos concellos máis pequenos como recursos próximos aos fogares das familias.

PERSOAS COIDADORAS

Aproveitando que o 5 de novembro se conmemora o Día Internacional das Persoas Coidadoras, Candia quixo recoñecer o labor diario das persoas que se dedican ao coidado de nenos e maiores xa sexan os propios familiares ou empregados – na maioría dos casos mulleres- de centros residenciais ou atención domiciliaria.

Así mesmo, a presidenta dos populares lucenses agradeceu que o Goberno de Rueda recolla no proxecto de orzamentos da Xunta para o 2024 os bonos de 5.000 euros anuais para as persoas dependentes que son coidadas nos seus fogares e de 1.200 euros ao ano para as persoas que fan uso dun centro residencial privado, con independencia do seu grao de dependencia.