Skip to main content
Lugo

A alcaldesa recibe aos representante do colectivo da limpeza que está en folga

Por 8 Novembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu na Casa Consistorial a unha delegación de representantes do colectivo da limpeza de edificios e locais que se atopan en folga desde hai 23 días. Na xuntanza, que se desenvolveu dentro da máxima cordialidade, as e os traballadores trasladaron á rexedora as súas reivindicacións, aínda que son conscientes de que se trata dunha demanda laboral que transcende ás competencias municipais.

Pola súa banda, Méndez solidarizouse coas peticións do colectivo. “As e os limpadores desenvolven un cometido fundamental na sociedade. Trátase dun sector altamente feminizado e cun alto nivel de precariedade, polo que as súas reivindicacións deben ser, como mínimo, escoitadas e tidas en consideración para dignificar unha profesión que resulta esencial no correcto desenvolvemento de moitas actividades tan importantes como pode ser a educativa”, trasladou a rexedora.

Así mesmo, a alcaldesa destacou que, xa no ano 2017, o Concello de Lugo foi pioneiro ao introducir nos pregos de contratación unha serie de cláusulas sociais encamiñadas a mellorar a calidade laboral dos e das empregados das empresas concesionarias, pero unha sentencia sinalou posteriormente que esta potestade excedía das competencias das administracións municipais á hora de acordar devanditas condicións.

“Agardamos que se abra con urxencia unha canle de comunicación fluída coa Patronal para que se poida desbloquear a actual situación e as súas peticións, que son xustas, sexan contempladas nun proceso de reflexión conxunta que debe iniciarse unha vez aberto o proceso de negociación”, concluíu a rexedora.