Skip to main content
Lugo

O grupo Teatro d’o Carón recibe un dos premios do programa Xuventude Crea de teatro

Por 8 Novembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia deu a coñecer os gañadores da fase final de Teatro do programa Xuventude Crea 2023 da Consellería de Política Social e Xuventude, que se celebrou a pasada fin de semana no Salón Teatro de Santiago. O xurado outorgou o primeiro premio ao grupo As Guapilongas, de Vigo, pola obra Prázdno.

En segundo lugar quedou a compañía Sarabia Teatro, de Arteixo, que puxo en escena Diario dun tolo, e o lucense Teatro D’o Carón fíxose co terceiro premio coa peza Ao fin, Hamlet. Así mesmo, concedeuse unha mención de honra ao grupo Erantres de Arteixo pola obra Tres mistos.

O número de obras que se presentaron a esta especialidade foron 12 e a metade delas chegaron á fase final. O grupo gañador recibirá un premio de 3.000 euros, o que quedou en segundo lugar levará 1.500 euros e a dotación económica para o terceiro clasificado é de 1.000 euros. Ademais, na edición deste ano, por primeira vez, a Xunta ofrecerá aos grupos vencedores a posibilidade de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral e axudalos así nos inicios das súas carreiras profesionais.