Skip to main content
Lugo

Un acordo coa Deputación permite mudar os puntos de saída do exame práctico de conducir

Por 9 Novembro, 2023Sin comentarios

Os exames chegan ao Polígono das Gándaras, recupérase o aparcamento do Pazo Provincial dos Deportes e mantense o punto do Paseo dos Estudantes.

A subdelegada do Goberno en Lugo anunciou esta mañá que a partir do próximo xoves 16 de novembro a Xefatura Provincial de Tráfico cambiará os puntos de inicio dos exames prácticos para obter o permiso de condución. O Pazo de San Marcos acolleu o acto de sinatura do convenio que rubricou o presidente da Deputación de Lugo, Tomé Roca, e o xefe Provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, para regular a súa utilización con todas as garantías xurídicas.

Isabel Rodríguez agradeceu “a predisposición do presidente da institución provincial para asinar o convenio e que as novas localizacións resulten máis cómodas para os aspirantes e permitan unha grande variedade de percorridos, tanto urbanos como interurbanos”.

Polo tanto, os exames volverán ao estacionamento do Pazo Provincial dos Deportes, unha zona na que tamén é posible resgardarse e que ademais se beneficia da glorieta construída o ano pasado para favorecer os movementos de acceso e saída entre a N-6 e a Rúa Alfonso X ou Sabio.

A subdelegada tamén quixo dar as grazas á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, por autorizar e acondicionar o aparcadoiro do Polígono das Gándaras, principal novidade como punto de saída nunha zona entre a Rúa dos Servizos e a Rúa das Comunicacións. Esta nova localización é especialmente interesante, a xuízo da Xefatura Provincial de Tráfico, nas probas para obter o permiso de camión ou autobús, de maior duración que as de turismo.

Por último, continuarase utilizando o actual punto de inicio situado no Paseo dos Estudantes, á beira da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, cuxa localización se considera óptima.

O ano pasado realizáronse na provincia algo máis de 6.000 exames de circulación, dos que practicamente 4.000 realizáronse na cidade de Lugo, cifra similar a outros anos. No que vai de 2023, na provincia levan case 5.500 probas de circulación, máis de 3.400 na capital.