Skip to main content
Lugo

O PP di que o Concello deixou caducar o contrato coa empresa que repara as fugas de auga

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

A concelleira popular Mar Carballas informou que este mércores caducou o contrato coa empresa que se encarga da reparación das incidencias que se detectan nas canalizacións de distribución da auga potable polas noites, en fins de semana e festivos en Lugo.

A edil do PP lembra que o 22 de agosto o Grupo Popular xa advertiu publicamente sobre esta cuestión pedindo explicacións ao Goberno local sobre se tiñan previsto sacar un novo contrato cunhas condicións que se adaptasen á realidade de Lugo.

“Hai que lembrar que a externalización das reparacións de fugas se presentou como algo provisional pero ao final vemos como unha medida improvisada, que se xustificou para un breve espazo de tempo, estase a converter en algo permanente”.

A proposta do PP é reforzar co persoal necesario a brigada municipal de auga “por un lado sería máis económico que externalizar o servizo e, por outro lado, garantiría unha maior eficacia nas reparacións das fugas xa que na práctica, hoxe por hoxe, aínda que haxa o servizo de 24 horas unha alta porcentaxe das incidencias as acaba solucionando a brigada municipal.

Os populares lamentan que a veciñanza “teña que sufrir as consecuencias das malas decisións de socialistas e nacionalistas xa que os atrasos na maior parte das reparacións son por falta de medios (a empresa carece da maquinaria e dos recambios que se precisan) así como polas dificultades á hora de localizar as fugas”.