Skip to main content
Lugo

A veciñanza da Milagrosa solicita dous pasos de peóns nas rúas Narla e Río Cabe

Por 15 Novembro, 2023Sin comentarios

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo fixeron chegar ao Concello unha serie de demandas baseadas en queixas veciñais con motivo da falta dun paso de peóns na intersección da avenida da Coruña coa rúa Río Narla, no cruzamento que vai cara á Avenida Reverendo José Fernández.

Como explica o colectivo, trátase dunha zona densamente poboada e que actualmente supón un perigo para peóns (xa que os pasos máis próximos atópanse moi afastados do cruzamento mencionado), e dado que é unha zona na que conclúe moito tráfico, xa que os vehículos tanto se dirixen cara á praza Agro do Rolo, como cara ao centro da cidade, así como tamén os que veñen da zona de Paradai pola rúa Río Narla ou van cara á saída da cidade pola avenida da Coruña. Solicitan por tanto que se instale un novo paso de peóns semaforizado para regular o tráfico peonil e rodado e así mellorar a seguridade viaria da zona.

Tamén se puxeron en contacto veciños da rúa Río Cabe, os cales expresan a necesidade dun paso de peóns na devandita rúa á altura do número 20 aproximadamente, dado que nesa rúa só existe un paso de peóns no cruzamento coa rúa Perpetuo Socorro e outro coa Rúa San Lorenzo, os veciños quéixanse de que para cumprir as normas e cruzar polo pasos habilitados teñen que percorrer toda a rúa.

“Dada a alta importancia das nosas peticións, xa que repercuten no desenvolvemento da vida diaria de multitude de persoas, e no perigo que supoñen a carencia destes pasos de peóns nas mencionadas rúas, agardamos, por parte dos titulares da concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo, a mesma resposta e realización na maior brevidade posible”, din.