Skip to main content
Lugo

O Concello consulta coa veciñanza a programación social das parroquias

Por 16 Novembro, 2023Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez retoma a dinamización social das parroquias e faino da man da veciñanza coa que, nunha nova ocasión, volve deseñar a programación sociocultural que se desenvolverá a partir de xaneiro nos centros cívicos e nas escolas do rural.

A tenente de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira e o edil de Impulso Rural, Miguel Fernández, mantiveron un encontro con representantes do tecido asociativo para coñecer as súas demandas co fin de coordinar as propostas que se porán en marcha en 2024 nos diferentes núcleos do municipio.

“A nosa vontade é promover e propiciar a participación cidadá planificando conxuntamente aquelas actividades que nos demandan en cada zona, tendo en conta o perfil das e dos residentes, as súas inquedanzas e necesidades para concretar non só horarios senón tamén temáticas”, referiu Ana González.

A edil cualificou a xuntanza de moi produtiva, “en tanto acordamos coas e cos asistentes que nos vindeiros días nos farán chegar as súas propostas para deseñar entre todos, administración e sociedade, a programación máis idónea para cada parroquia”, sinalou.

Durante a reunión, Ana González Abelleira explicou, así mesmo, que o Concello ofertará actividades de lecer e formativas para impulsar a convivencia interxeracional e fomentar a igualdade e o arraigamento no rural, ao tempo que puxo en valor o labor desenvolvido polo animador municipal Alfonso Darriba, “implicado ano tras ano en artellar a mellor programación posible para conciliar os intereses da veciñanza”.

“Esa é unha das claves que perseguimos e dentro que poden ter cabida dende obradoiros de exercicio físico, como ximnasia ou pilates, ata clases de pintura, manualidades, restauración de obxectos e mesmo talleres de memoria ou de aprendizaxe e mellora de competencias dixitais ou manexo das novas tecnoloxías”, apuntou a concelleira con relación ás propostas solicitadas e desenvolvidas en anos anteriores.

“Tamén intentaremos levar charlas ou coloquios sobre temas que poidan ser de interese como accións formativas para o uso de biocidas ou combater a velutina, moi reclamadas, ao igual que as excursións, as visitas culturais e os xantares e días de convivencia, atendendo ás preferencias que nos fagan chegar”, concluíu a responsable de Cohesión Social.