Skip to main content
Lugo

Arrancan en Lugo as XX Xornadas Técnica de Vacún de Leite

Por 16 Novembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este xoves na inauguración das XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que organiza Seragro Sociedade Cooperativa Galega grazas á colaboración económica da institución provincial por un importe de 12.000 euros. O foro desenvolverase entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, coa participación como poñentes de máis dunha decena de expertos no sector lácteo e vacún.

Fernández deu a benvida ás persoas asistentes que encheron o salón e felicitou á organización por cumprir 20 anos con estas xornadas, pois “son un auténtico referente para o conxunto do sector, permítenlle aos gandeiros e gandeiras coñecer os últimos avances, con coñecementos e ferramentas que fan as súas explotacións máis sostibles e competitivas”.

Nas súas palabras, o Deputado reivindicou a calidade da formación e da investigación que se fai no Campus Terra. “Grazas á calidade da súa oferta educativa, vinculada ao sector primario, e á organización de foros como este, transfírese coñecemento ao noso tecido produtivo dunha maneira moi positiva. Este é o camiño e a folla de ruta que dende a Deputación defendemos: ser útiles para o territorio e para o noso sector primario”.

De feito, Fernández concretou que as xornadas abordan temas tan importantes como a dixitalización das explotacións, a mellora da calidade a herba, de como aumentar o rendemento do millo ou de como abordar a fiscalidade das empresas. Todas “cuestións que están pegadas ás necesidades do sector primario da provincia, estreitamente ligadas ao traballo e ao día a día das explotacións gandeiras”.

O Deputado puxo en valor a implicación da Deputación co rural como un eixo prioritario da súa acción institucional, tal e como demostra o apoio a estas xornadas e a colaboración constante coa USC e o seu Campus Terra, materializada en iniciativas como a Granxa Experimental de Leite, en Gayoso Castro, un centro pioneiro en Galicia co que “poñemos a formación e a investigación ao servizo dos gandeiros e gandeiras da provincia de Lugo, tratando de facilitarlles solucións e apoio para mellorar as súas explotacións”.

Grazas á actividade da Granxa Gayoso Castro, xunto con outras medidas de colaboración co propio tecido produtivo, a Deputación “é hoxe un referente en políticas públicas de apoio ao sector primario”.

Xunto ao Deputado provincial de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, no acto de apertura das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite tamén participaron o presidente de Seragro, Víctor Manrique, e o Decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández.

O encontro inclúe entre hoxe e mañá un conxunto de relatorios que se centrarán en temas de actualidade e de interese para o sector, como a microbiota mamaria da vaca, o rendemento do millo, a calidade da herba, o caderno dixital, a fiscalidade, os sistemas de monitorización das granxas, o deseño e manexo das instalacións, a saúde podal ou o uso das tecnoloxías nas granxas, entre outros.