Skip to main content
Lugo

A alcaldesa deu conta do estado das obras do centro no Pleno, que rexeitou a proposta do PP

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

O concello de Lugo acolleu esta mañá a sesión plenaria extraordinaria solicitada polo PP para tratar o tema das obras do centro histórico.

Durante o mesmo o Concello deu conta do estado das obras actuais, comezando pola zona da porta da Muralla, Bispo Odoario e praza de Ferrol. A previsión é continuar pola rúa Montevideo desde Ramón y Cajal cara a Rúanova unha vez que estea formigonado o anaco que falta diante do hospital Quirón e que se poida permitir o paso de vehículos por encima para dar acceso ao hospital, ao IES Xoán Montes e ao aparcadoiro de Vía Romana desde Bispo Odoario.

Á vez, continuarase co recheo e canalizacións de Quiroga Ballesteros e Amor Meilán, así como as escavacións, canalizacións e recheo da rúa Ramón y Cajal en dúas metades.

PRAZA DE FERROL

Se continuará co formigonado no carril de San Fernando no que se está traballando, para posteriormente poder pavimentar. En principio, salvo que resulte imprescindible ou altamente conveniente por xurdir algún condicionante durante a execución, non se prevé cortar a porta de San Fernando para dar saída ao tráfico de vehículos.

Unha vez finalizada a colocación de pavimento na Praza Ferrol (zona diante de Caixa Bank e entrada-saída do aparcadoiro municipal), poderase desviar o tráfico por esta zona recentemente executada para saír por San Fernando e poder así pechar ao tráfico na zona comprendida entre o cuartel de San Fernando e a Igrexa de San Froilán co fin de poder realizar as demolicións que faltan nesa zona, acometer servizos e pavimentar.

Prevese abrir a Porta Falsa, de tráfico peonil, nos próximos días, unha vez que se retire o bypass de auga que se puxo de maneira provisional.

PRAZA DE SANTO DOMINGO E RÚA TEATRO

Comezouse co carril de subida de Teatro (Fase 1), pero foi necesario resolver certas cuestións como a aparición duns restos arqueolóxicos na zona superior da rúa Teatro, o redimensionamento da cimentación dos farois, a conexión dalgunhas acometidas e a confirmación do trazado dalgunhas canalizacións de compañías privadas, debido ás limitacións existentes polas cotas dos diferentes servizos e o reducido espazo de traballo.

Para poder avanzar mentres se resolvían estas cuestións, a empresa construtora propuxo ao Concello e á dirección de obra comezar a demoler nunha zona correspondente á Fase 3, por diante do restaurante Goiko e de Calzedonia, o que foi aceptado e está nestes momentos en execución (demolición realizada e canalizacións en marcha).

Igualmente o contratista propuxo ao Concello a posiblidade de comezar, de forma complementaria e en paralelo aos tallos abertos, a realizar a demolición e canalizacións nun carril e beirarrúa do tramo comprendido entre Armañá e Raíña, deixando un carril de paso. O Concello está a elaborar o Plan de Tráfico correspondente.

O proxecto contempla a realización dun estudo estrutural do forxado do aparcadoiro existente en Santo Domingo para determinar a capacidade portante do mesmo, co obxectivo de verificar se pode soportar a circulación de vehículos prevista. O calculista informou que o estudo preliminar non é concluínte e foi necesario realizar unha nova toma de mostras recentemente, polo que se está á espera de recibir o estudo determinante.

O PROXECTO DO PP

O voto de calidade da alcaldesa tumbou a iniciativa que presentou o PP co obxectivo de mellorar a xestión das obras do casco histórico e minimizar os prexuízos a residentes e negocios.

Dende o PP explican que dende que se rexistrou a iniciativa, con data de 7 de novembro, o goberno local reaccionou intensificando contactos coa veciñanza, enviando axentes da policía para mellorar o tráfico na zona centro ou desbloqueando as liñas de autobuses para os centros educativos do recinto amurallado que comprometeran en setembro.

“Unha vez máis o pleno transcurre sen que o goberno local adopte ningún tipo de responsabilidade e a alcaldesa volve a corrixir aos seus voceiros con soliloquios que duran máis tempo que as intervencións tanto dos ponentes da iniciativa como dos voceiros que ela mesma designa”, explican os populares.

“Tamén nos intranquiliza que o goberno local reduza a “escoita activa” ao que lle trasladan os directivos dun gran hospital privado do centro en vez de atender ao pequeno comercio que ten que convivir e sobrevivir a estas obras”, dixeron.

Os populares agardan que, aínda que socialistas e nacionalistas votaron en contra a esta proposición, lles sirva para reflexionar xa que os puntos de acordo “son para mellorar a convivencia dos residentes e os negocios con estas obras”.

Os acordos da proposición son pasan por modificar os proxectos, axustes do tráfico e moficiación da sinalización, avaliació de danos e repación, fórmulas de estacionamentos gratuítos e previsións sobre a futura a xestión do tráfico peonil de rodado intramurallas.