Skip to main content
Lugo

Os comercios de Lugo Monumental ofrecerán vales de aparcamento aos seus clientes

Por 21 Novembro, 2023Sin comentarios

Estacionamentos Lucenses S.L., titular do aparcamento da rúa Ánxel Fole, e a Asociación Lugo Monumental asinaron un convenio cuxo fin último é mellorar a accesibilidade ao centro histórico da cidade mediante a práctica de regalar horas de aparcamento aos clientes dos establecementos asociados.

Para a Asociación é vital “mellorar as posibilidades de que os establecementos poidan ofrecer horas aos seus clientes por unha determinada compra mínima (que cada local fixará de acordo aos seus propios criterios) e así vencer as posibles reticencias que os lucenses poidan ter para acudir ao centro histórico”.

“Cabe destacar que este convenio asinouse co aparcamento máis amplo, máis cómodo e con mellores accesos do recinto amurallado e a Asociación agradece a Estacionamentos Lucenses a súa vontade de colaborar co tecido empresarial do centro histórico”, subliñan.

Esta primeira experiencia contará coa participación dun mínimo de 25 locais que, para a próxima campaña do Nadal, entregarán aos clientes que estacionen no aparcamento da rúa Ánxel Fole os vales de aparcamento que consideren convenientes aplicando as súas propias políticas comerciais.

Os vales son acumulables, polo que unha persoa que faga as súas compras en varios establecementos adheridos á campaña poderán obter non unha, senón varias horas de aparcamento para gozar do centro histórico. Teñen unha validez de 7 días desde a súa emisión, polo que os portadores poderán usar os que lles sobre, se é o caso, durante unha semana e así volver ao centro.

“Cabe destacar que as reducidas marxes comerciais que a día de hoxe teñen os establecementos implica un esforzo importante por parte dos locais participantes, ao que se suma o de Estacionamentos Lucenses”, conclúen.