Skip to main content
Lugo

O Concello imporá multas de 80 euros para vehículos que accedan ao centro sen permiso

Por 21 Novembro, 2023Sin comentarios

O dispositivo de vixilancia comezou esta semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas co obxectivo de constrinxir ao imprescindible o tráfico rodado no Centro Histórico.

A Alcaldía de Lugo, en coordinación coa Policía Local vén de poñer en marcha un dispositivo especial para constrinxir ao mínimo imprescindible o paso do tráfico rodado ao Centro Histórico.

Así o anunciaba esta mañá a rexedora Lara Méndez xunto ao Intendente Xefe deste Corpo, Jesús Piñeiro.

“A medida obedece á petición que nos trasladou a veciñanza da Asociación Barrio Centro de Lugo para tratar de minorar o impacto que estaba tendo sobre as zonas peonís o paso de turismos, mellorando, así mesmo, a seguridade viaria en toda a contorna”, referiu Méndez.

Durante o último encontro que a mandataria lucense mantivo coas persoas representantes do colectivo estas lle trasladaron a súa percepción do incremento do número de persoas que empregan o recinto amurallado como un atallo e solicitaron que o acceso se restrinxa ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores/as, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados.

“Atendemos deste xeito, nunha nova ocasión, as demandas da cidadanía para tratar de diminuír as molestias que se van detectando conforme se executan as diferentes fases das obras contempladas dentro do proxecto Corazón Verde, artellando as correccións máis acaídas en cada caso”, engadiu a alcaldesa.

Lara Méndez explicou, así, que a campaña terá, inicialmente e durante un tempo prudencial, un carácter informativo e, posteriormente, será sancionadora de reiterarse incumprimentos continuados á mesma.

“O dispositivo de vixilancia comezou esta mesma semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas, atendendo aos diferentes accesos existentes e á finalidade coa que foron habilitados polo Concello”, indicou ao tempo que avanzou o cambio da sinalización actual por outra de maior tamaño e máis esclarecedora.

“Queremos un Lugo seguro para todas e todos, e unha cidade que permita conciliar a comodidade coa prestación de servizos, como pode ser o traslado de mercadorías ou a entrada e saída ás vivendas e establecementos pero para que isto sexa posible en boas condicións cómpre apelar tamén á concienciación e facer un uso das vías axeitado ás limitacións que temos actualmente debido aos proxectos de humanización que se están desenvolvendo na zona. Por iso instamos á poboación a actuar con responsabilidade e traer o coche ao Centro Histórico só nos casos nos que resulte inevitable”, sostivo a rexedora.

Pola súa parte, o Intendente Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro deu conta de que se destinarán como mínimo dous indicativos diarios a este cometido, “sinaladamente en horarios nos que se rexistra unha maior concentración de tránsito. E sen entorpecer ao resto da circulación, detectarán o destino dos vehículos que accedan e interpelarán ás e aos seus condutores para que, sempre que sexa posible, empreguen itinerarios alternativos que non impliquen atravesar o recinto amurallado”.

Jesús Piñeiro afirmou, así mesmo, que os primeiros días as indicacións terán carácter de advertencia pero, posteriormente, a Policía Local poderá aplicar sancións que alcanzan os 80 euros (40 € se se abona en pronto pago) en aplicación á normativa de seguridade viaria por nos respectar as prohibicións establecidas.

PARTIDO POPULAR

O vicevoceiro popular Enrique Rozas queixase de que as alternativas ao descontrol das obras que se desenvolven no centro sexa anunciar medidas improvisadas: “non hai planificación e actúan a rebufo da presión dos residentes, comerciantes e das iniciativas do Partido Popular”.

Os populares cren que as medidas anunciadas hoxe “castigan ao comercio e supoñen un golpe para moitos negocios do recinto amurallado” engadindo que “logo de crear os problemas, en vez de dar alternativas optan por aplicar sancións económicas”.

“O goberno local non facilita aparcamentos, nin abarata os que existen, pero si multan” e engaden que “o goberno local non habilita nin organiza un servizo de entrega ou recollida de paquetería pero si multan”.

Rozas manifestou que “despois de oito meses o concello se dá conta de que non existe un Plan de Tráfico específico para estas obras pese a que o PP o solicitou cando se iniciaron estes traballos”.