Skip to main content
Lugo

As traballadoras da limpeza dobran esforzos na súa protesta

Por 21 Novembro, 2023Sin comentarios

As traballadoras da limpeza, en folga dende o pasado 16 de outubro, instalaron hoxe unha caravana reivindicativa na explanada da Xunta en Lugo para demandar un convenio digno.

Critican a pasividade das administracións -principais contratistas dos servizos de limpeza- ante unha patronal estatal que ten “secuestrada a negociación colectiva e que pretende impor un convenio cunhas táboas salariais que ficarían por debaixo do SMI”.

SEN ACORDO

Sen acordo na reunión celebrada este luns entre patronal e sindicatos que estes dixeron “que só serviu para constatar a absoluta falta de vontade negociadora de ASPEL e o seu desinterese por chegar a un acordo de convenio que permita rematar co conflito”. Trinta e seis días despois de iniciarse a folga e logo de que a asemblea de persoal rexeitara por insuficiente a última oferta, a patronal “presentouse na xuntanza sen unha nova proposta e agardando que fora a parte social quen lles trasladara outra plataforma”.

“Esta actitude manifesta o desprezo da patronal cara ás traballadoras e evidencia que a pretensión de ASPEL é desactivar o conflito dilatando no tempo as negociacións. Unha manobra que as traballadoras xa advertiron que non vai funcionar porque as súas reivindicacións son xustas e totalmente asumíbeis para unhas empresas que gañan beneficios millonarios”.

Así mesmo, a CIG celebrará o mércores 22 en Lugo, o Encontro nacional de mulleres no marco da campaña polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A central acordou trasladar este acto de debate e formación a Lugo “en solidariedade coas compañeiras da limpeza e a loita que están a desenvolver pola mellora das súas condicións de traballo”. Ao remate do encontro, ás 12 horas, as delegadas da CIG e as traballadoras en folga sairán en manifestación dende o edificio da Deputación até a sede da CEL.