Skip to main content
Lugo

Anuncian o remate do borrador do Plan Parcial do polígono da Louzaneta

Por 23 Novembro, 2023Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez continúa a dar pasos para permitir o desenvolvemento urbanístico do Poligono Empresarial da Louzaneta.

A tenenta de alcaldesa Paula Alvarellos anunciaba esta mañá que a área de Sostibilidade Urbana elaborou xa o borrador do convenio que recollerá os termos de colaboración cos e coas titulares dos terreos deste sector para axilizar todo o posible a elaboración dun Plan Parcial que regule os seus usos e aproveitamentos.

“Este borrador establece un sistema de actuación ou de cooperación polo cal o Concello de Lugo licitará a contratación dos labores de redacción deste Plan Parcial que serán sufragados pola Comisión Xestora da propiedade coa que xa foron consensuados os termos do acordo”.

Alvarellos Fondo explicou así que, “logo de varias xuntanzas coas e cos afectados, a última delas no pasado mes de xullo, constituíuse un equipo de traballo integrado por técnicos de Enxeñería, Urbanismo, Evislusa e Patrimonio, que foron avanzando na tramitación administrativa, polo que o curso do procedemento está xa moi adiantado”, sinalou a edil.

“O principal obxectivo é fornecernos dunha ferramenta de planeamento que permita redelimitar o perímetro do sector co fin de eliminar a maior parte das vivendas existentes – en torno a unha ducia – e de incorporalas ao solo de núcleo rural colindante, ampliando o polígono industrial cara a estrada da Ponte Vella. Isto outorgará ás e aos propietarios dunha maior seguridade xurídica e incentivará o desenvolvemento e crecemento deste parque empresarial”, afirmou a concelleira de Sostibilidade Urbana.

Unha vez formalizado o Convenio coa súa sinatura, o texto será sometido a exposición pública antes de continuar coa seguinte fase de tramitación que culminará coa súa ratificación polo Pleno.