Skip to main content
Lugo

O Museo de Lugo inaugura unha retrospectiva de Leopoldo Novoa

Por 24 Novembro, 2023Sin comentarios

O Museo de Lugo inaugurou este xoves a exposición Leopoldo Novoa. O silencio da pintura, que inclúe 32 obras entre cadros e libros ilustrados polo artista pontevedrés. Na apertura, Susana Carlson, viúva do artista, anunciou a doazón ao Museo Provincial de Lugo de “Samos”, unha obra sobre lenzo e lousa realizada en 1993.

A peza abre a mostra que se pode ver no Museo provincial dende este xoves, 23 de novembro, ata o 4 de febreiro, con 32 obras que sitúan Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012) como unha das grandes referencias da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século pasado.

A comisaria da mostra Rosario Sarmiento indicou que a exposición “producida especialmente para as salas do Museo Provincial de Lugo pretende dar a coñecer o traballo de Leopoldo Nóvoa desde un relato que explique as referencias básicas para entender a súa traxectoria como artista plástico”.

Na súa intervención no acto, a deputada de Cultura Iria Castro agradeceu “a xenerosidade da familia de Leopoldo Nóvoa” e remarcou “a importancia da incorporación da peza ao Museo Provincial, a primeira deste artista referente da arte abstracta”.

Iria Castro explicou que a exposición “dá continuidade ao labor que desenvolve o Museo na promoción e divulgación da arte galega contemporánea, con varios fitos destacados neste último ano como a inauguración da Sala Monográfica Tino Grandío, na que se se expoñen as obras máis representativas doutro pintor galego universal -nese caso lucense –, a exposición da pintora coruñesa “María Corredoira” no segundo trimestre do ano ou a mostra retrospectiva sobre o escultor sarriao José Díaz Fuentes “A árbore interior”, que tivemos aquí nos primeiros meses de 2023”.

A concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro destacou “a contribución do Museo Provincial de Lugo a situar Lugo como un referente cultural no resto de Galiza e fóra”.

Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura. Notas da comisaria, Rosario Sarmiento.

Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012) é, sen subida, unha das grandes referencias da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século XX, e por extensión un dos nosos artistas máis internacionais.

Nóvoa foi ademais dun creador rigoroso, un home reflexivo e profundo que viviu unha longa e prolífica existencia en lugares e circunstancias moi dispares. Ao longo da súa vida foi un artista recoñecido, cunha brillante traxectoria que levou a súa obra ás salas de exposicións e museos de todo o mundo. Porén no seu país natal, onde pasaba largas tempadas estivais desde as últimas décadas do século pasado, non obstante é un artista non moi coñecido entre o gran público.

As súas mostras seguen sorprendendo e creando expectación e admiración polas súas obras. Esta idea de dar a coñecer o seu traballo desde un relato que explique as referencias básicas para entender a súa traxectoria como artista plástico, é o obxectivo da exposición “Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura”, producida especialmente para as salas do Museo Provincial de Lugo.

Unha traxectoria que se inicia en Uruguai e Arxentina, continúa co seu asentamento en París e a concreción do que serán as súas claves creativas (1965), o incendio do seu taller no Faoubourg Saint-Antonie (1979) coa destrución das 2.000 obras alí almacenadas e a importancia capital que terá a súa casa-taller de Armenteira (1983) no renacemento e a creación dunha nova linguaxe plástica a partir das cinzas.

Hai que dicir que espazo, materia e luz son os elementos dos que sempre se valeu Nóvoa para articular a súa obra, facendo fincapé nas relacións que se establecen entre eles e desposuíndo á obra do superfluo. Nas obras da súa etapa anterior ao incendio de París é patente a súa vocación tridimensional coas estruturas ou relevos que inclúen debaixo das teas.

Nas obras posteriores, os límites entre a pintura e a escultura están, cada vez máis diluídos, as superficies dos cadros adquiren volume a través dos relevos, pero sobre todo pola inclusión de materiais como pequenos anacos de corda –mecates– colaxes, que terán total protagonismo. Sempre os xogos de cor, o branco ou o negro serán acenos de identidade dunha obra de código conceptual reducido pero sumamente denso.