Skip to main content
Lugo

Xunta e USC colaboran no estudo do mexillón de río, que se realiza en Lugo

Por 24 Novembro, 2023Sin comentarios

Cun orzamento de máis de 260.000€, o proxecto terá 3 anos de vixencia e entre as actuacións a realizar destaca o reforzamento poboacional dos moluscos nunha bacía cantábrica aproveitando as sinerxías co Centro ictioxénico do Veral.

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán nun novo proxecto para a conservación de distintas especies de náiades ameazadas en Galicia —en especial, a Margaritifera margaritifera ou mexillón de río— mediante a elaboración de metodoloxías específicas para reproducir fóra do seu hábitat este tipo de moluscos e destinalos a futuras repoboacións.

A tal fin a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de avanzar na conservación do chamado mexillón de río, incluído entre as especies animais de interese comunitario e que figura na categoría de en perigo de extinción nos catálogos galego e español de especies ameazadas.

Ao respecto, Vázquez Mejuto salientou que a finalidade dos traballos programados é acadar unha mellora do estado de conservación desta e doutras especies de náiades sensibles e con presencia nos ríos galegos, en liña coa recomendación europea de impulsar medidas de xestión para a súa conservación.

O orzamento total do proxecto estímase en máis de 260.000 euros, dos que case o 60% serán fondos achegados pola Xunta, tal e como consta no convenio asinado esta mañá. As actuacións previstas terán unha duración de 3 anos, ata finais de 2026.

Entre as accións concretas a desenvolver, elaborarase unha metodoloxía baseada na experiencia adquirida no cultivo de Margaritifera margaritifera na bacía do río Ulla co fin de extrapolala para poder obter un stock de exemplares viables para reforzar as poboacións desta especie nas bacías cantábricas.

Para conseguilo, buscaranse sinerxías co traballo que se está a realizar xa actualmente para a repoboación de salmónidos no Centro ictioxénico do Veral, en Lugo.

Así mesmo, a segunda liña de acción terá como fin reforzar a poboación de mexillón de río na bacía do río Ulla a través tanto da cría en catividade de xuvenís e subadultos, como da súa posterior marcaxe para garantir o seu seguimento, tras a súa liberación no medio natural.

No marco destas actuacións, Xunta e USC tamén colaborarán para avanzar na identificación dos tramos da bacía que polo seu hábitat resulten máis aptos para liberar os exemplares cultivados no Centro do Veral para, finalmente, proceder á solta dos xuvenís/subadultos naquelas zonas que cumpran con todos os requisitos.

Finalmente, o convenio prevé o seguimento anual das poboacións reforzadas co fin de avaliar o éxito da repoboación, recuperando a tal fin os individuos marcados para medir o seu crecemento e evolución.

Cómpre lembrar que unha das medidas de xestión desta especie ameazada desenvolvida con éxito anteriormente en Galicia foi precisamente a produción de exemplares xuvenís en instalacións ex situ (fóra da natureza) para permitir o reforzamento das poboacións máis sensibles, polo que este tipo de técnicas son moi recomendables xa que garanten un incremento do número de exemplares dispoñibles para facer repoboacións.

Por iso, o obxectivo do convenio asinado coa USC é colaborar nesta mesma liña, aproveitando a experiencia de partida do seu Grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (Copemol) que vén desenvolvendo unha liña de investigación baseada na bioloxía da conservación de peixes e moluscos, especialmente centrada nas náiades ameazadas na Comunidade.