Skip to main content
Lugo

A CEL organiza dúas xornadas informativas para empresas

Por 25 Novembro, 2023Sin comentarios

Unha sobre financiamento e investimento, coa participación de representantes de Abanca e Afigal, e outra sobre a Lei Crea e Crece e a factura electrónica, coa intervención de representantes da AEAT.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza a semana próxima, co apoio da Deputación de Lugo, dúas xornadas informativas de temas que están a xerar especial interese entre as empresas.

Na primeira delas, sobre oportunidades de financiamento e investimento, realizarase un repaso sobre os fondos Next Generation UE e outros apoios ás pemes. Terá lugar o martes, 28 de novembro de 2023, a partir das 10:00 horas, e contará coas achegas de representantes de ABANCA e AFIGAL.

A segunda celebrarase o venres, 1 de decembro, no mesmo horario. Baixo o título “Factura electrónica e sistemas informáticos de facturación”, achegarase aos obxectivos e obrigas da Lei 18/2022 (Lei Crea e Crece), prazos de entrada en vigor das obrigas de facturación electrónica, réxime sancionador e demais cuestións de interese relacionadas con esta nova normativa. Contará coas achegas de Sandra Velo, inspectora da AEAT en Lugo.

Ambas terán lugar en modalidade presencial. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, que pode tramitarse na web da CEL www.cel.es