Skip to main content
Lugo

Besteiro demanda a Rueda en Lugo que “se tome en serio a saúde mental”

Por 25 Novembro, 2023Sin comentarios

Besteiro e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inauguraron a Escola de Outono das Xuventudes Socialistas de Galicia, no centro lucense Uxío Novoneyra.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, demandou este sábado a Rueda que “se tome en serio a saúde mental” onde Galicia ten as peores cifras do Estado, o que para el é “outro fracaso das políticas sociais do PP despois de 14 anos de goberno”.

Besteiro interviu na apertura da escola de outono das Xuventudes Socialistas de Galicia que ten lugar esta fin de semana na cidade amurallada. Na mesma, trataron os principais asuntos que preocupan á mocidade galega, como os problemas do transporte, o difícil acceso á vivenda, as deficiencias da Universidade e a FP, así como a saúde mental e os trastornos aditivos.

“Os datos de Galicia son verdadeiramente alarmantes: somos a comunidade autónoma na que se consumen máis psicofármacos, a segunda coa maior taxa de suicidios (12,5% por cada 100 mil) e a cuarta se falamos só de menores de 30 anos (6,7%)”, apuntou un Besteiro que denuncia que o feito de que “Galicia encabece o consumo de psicofármacos e suicidios en España é un fracaso das políticas sociais de Rueda”, explicou.

“A saúde mental é un dereito humano universal que choca coa falta de persoal, medios e atención que estamos a sufrir en Galicia. Urxe reforzar o Servizo de Saúde Mental, que ten listas de espera de máis de 4 meses”, remarcou o candidato socialista.

120 PRAZAS EN SAÚDE MENTAL

“Os socialistas de Galicia reclamamos a convocatoria de 120 prazas de saúde mental para chegar en 2024 á media do Estado. Ademais, este servizo ten que estar de maneira integral na Atención Primaria. Non basta coa incorporación de psicólogos á Atención Primaria, como anunciou a Xunta”, sinalou Besteiro. Anunciou tamén que “cando cheguemos á Xunta, os socialistas apostaremos de verdade pola saúde mental”.

O candidato socialista á presidencia da Xunta e o Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas aportaron propostas non só en materia de saúde mental senón de mobilidade sostible, vivenda e igualdade, entre outros ámbitos.

Así mesmo, Besteiro tivo unhas palabras de agradecemento á organización xuvenil por apoialo “tanto nos bos como nos malos momentos”, cando foi “vítima dunha inxustiza xudicial”. Do mesmo xeito, alagou o “intenso traballo” que están realizando o actual secretario xeral e o seu equipo, así como o anterior líder da organización, Aitor Bouza.

Besteiro estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, na inauguración da escola de outono das xuventudes socialistas que se desenvolverá durante toda a fin de semana en Lugo. Así mesmo, asistiron ao acto membros do partido como César Mogo, senador, Luis Álvarez, portavoz parlamentario do Grupo Socialista, Patricia Otero, deputada autonómica, así como varios concelleiros de Lugo, ademais do secretario xeral de JSE, Víctor Camino.

Ao termo do acto, os participantes na escola de outono asistiron á lectura do manifesto do 25N por parte de varias futbolistas, organizada polo Concello de Ligo na Árbore da Vida da praza de Santo Domingo.