Skip to main content
Lugo

A Deputación esixe á Xunta que garanta a oferta lectiva do Campus Terra

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia que garanta a oferta lectiva do Campus Terra e que modifique o Decreto 222/2011 que xustificaría unha redución de graos en base ao criterio dunha cota mínima de 45 alumnos por titulación no caso do espazo universitario situado na capital da provincia. Así se acordou no Pleno deste martes logo dunha moción socialista que contou coa unanimidade da cámara.

Antes de entrar á sesión provincial, o Presidente  da Deputación, José Tomé Roca, valorou que “o Campus de Lugo naceu da man da Deputación e ao longo dos anos a institución provincial foi un piar fundamental para que crecera”. Argumentou que hoxe a institución provincial continúa sendo imprescindible polas achegas económicas, a cesión de terreos para proxectos como a Facultade de Formación do Profesorado ou os convenios que posibilitan as prácticas de titulacións como Veterinaria. E volveu ser contundente ao apuntar que “se o que van facer Xunta e Universidade é recortar titulacións a Deputación non vai seguir colaborando. Estamos dispostos a seguir colaborando e intensificar esa colaboración, pero sempre en defensa dos intereses da provincia de Lugo”.

A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, defendeu esta iniciativa poñendo o foco en que a norma está desactualizada, non ten en conta a evolución da poboación da provincia, nin a Galicia interior, e reduce a planificación dos estudos superiores a unha mera cuestión economicista”. Reprochou ao PP que leva anos “esnaquizando” a educación pública.

Lembrou Pilar García Porto que foi o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, o que contivo polo momento as intencións do Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela de suprimir ou compartir cinco graos do Campus de Lugo, condicionando as achegas da institución provincial –a que máis aporta de España ao ano á educación superior- a que a USC dea marcha atrás.

“O anuncio de retirar os graos de Paisaxe e Enxeñaría Civil, así como a conversión en interuniversitarios dos graos de Enxeñería agrícola e agroalimentaria e o de Enxeñería Forestal e do medio natural, ademais da intención futura de eliminar a oferta do grao en Procesos Químicos suporía a perda dalgúns dos sinais de identidade da Escola Politécnica Superior de Enxeñería e da Facultade de Ciencias”, subliñou a Deputada.

García Porto argumentou que os socialistas respectan “escrupulosamente” a tradición histórica da autonomía universitaria, pero “entendemos que calquera reforma educativa debería facerse tendo en conta tamén a opinión dos axentes sociais do territorio no que se asenta unha universidade pública”. E nese sentido sinalou que “levamos moito feito entre todos e todas, e de seguro que entre todos atopamos camiños para seguir crecendo”.

Situou a Voceira socialista a educación como unha “ferramenta de desenvolvemento”, imprescindible tamén para fixar poboación e destacou que “o ensino superior é unha aposta transversal fundamental para o futuro da provincia”.

A moción aprobada recolle tamén que a evolución da oferta formativa do Campus Terra se faga con criterios de modernización e rendibilidade social, incorporando novas materias e estudos, ou adaptando as denominacións aos estándares europeos e internacionais, pero nunca suprimindo estudos demandados pola sociedade e imbricados co tecido produtivo da provincia de Lugo.

Unanimidade no apoio ás traballadoras da limpeza nas súas reivindicacións laborais

A Deputación de Lugo apoia ás traballadoras da limpeza da provincia nas súas xustas reivindicacións laborais por un convenio colectivo digno. Así quedou de manifesto tras a aprobación dunha proposta de Goberno que insta á patronal e á Xunta a facilitar a negociación con este colectivo logo de semanas de conflito. O acordo saíu adiante por unanimidade.

Marisol Morandeira, a Deputada de Muller e Igualdade, lembrou que o peso do sector da limpeza no PIB español representa un 1,05% e que o 74% dos empregados neste colectivo son mulleres, polo que “velar polas súas condicións laborais supón tamén apostar por rachar a fenda laboral e salarial que aínda afecta ás mulleres”. As reclamacións das empregadas da limpeza recollen incrementos salariais do 5,7% para o 2022, do 5,5% para o 2023, do 4% para o 2024, e do 3% para o 2025.

Destacou Morandeira que o convenio para o sector caducou no 2021 e que as posturas entre as traballadoras e a patronal están “moi lonxe”. Sinalou que os sindicatos levan meses alertando que as retribucións están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e que a patronal pon como condición ás subas, suprimir os complementos de antigüidade, “polo que a suba non sería real”. Denuncian tamén que a patronal está a dilatar as negociacións de xeito intencionado. A Deputada tamén lle pediu á Xunta, que é a Administración coas competencias en materia laboral, que non se poña de perfil e que faga presión á patronal.

O presidente, José Tomé Roca, apuntou ademais que a Deputación de Lugo tomou a decisión de rescindir o contrato coa empresa da limpeza da institución provincial cando esta deixou de pagar ás empregadas; lembrando ao Partido Popular que a institución provincial asumiu o pago dos salarios e asesorou ás traballadoras para facer as reclamacións oportunas á empresa. Fixo estas declaracións logo de que o PP tratase de dividir ás traballadoras propoñendo cunha emenda –rexeitada polo resto de grupos- un convenio para o persoal da Deputación, co que o colectivo perdería forza e capacidade para alcanzar as melloras que piden, apostando polo “divide e vencerás”.

Este acordo recolle tamén instar á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e á Asociación Profesional de Empresas de Limpeza (ASPEL) a manter unha actitude “negociadora áxil”, que favoreza o diálogo e que facilite un acordo entre as partes por medio dunha Mesa de negociación. Tamén instar á Xunta de Galicia, no marco das súas competencias en materia laboral, mediar no conflito e garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para as traballadoras.