Skip to main content
Lugo

O Concello citará ás asociacións da Milagrosa e barrio Feijóo para explicarlles o proxecto

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que nos vindeiros días se porá en contacto co tecido asociativo do barrio Feijoo e A Milagrosa para programar unha serie de encontros nos que o Executivo local, da man dos técnicos municipais e do equipo redactor, explicará con detalle as propostas de mellora do espazo urbano que se contemplan dentro da estratexia para acadar que esta zona da cidade se declare Entorno Residencial de Rehabilitación Programada.

“Tal e como avanzamos onte, darémoslle continuidade ao proceso de participación e escoita activa no que tamén se baseou a elaboración da memoria documental na que se sustenta este ERRP, trasladando agora as conclusións do estudo e, sobre todo, as propostas realizadas para mellorar o espazo público en todo o ámbito coa finalidade de que a veciñanza poida coñecelas de primeira man e, sobre todo, trasladarnos as súas inquedanzas e opinións”, afirmou Méndez.

A rexedora incidiu, novamente, en que todas as actuacións previstas se irán definindo pouco a pouco, “tendo en conta as achegas que nos trasladen as persoas residentes, comerciantes e tamén os colectivos presentes nestes barrios aos que, do mesmo xeito, lles comunicaremos cal é a folla de ruta a seguir no obxectivo de acadar a declaración de ERRP e poder iniciar o antes posible e nas mellores condicións posibles a rehabilitación dos inmobles”, destacou.

A alcaldesa sinalou que “este será un proceso no que as e os interesados en acometer melloras nas súas vivendas non estarán sós, xa que dende o Concello se planifica un acompañamento personalizado de cada caso para acadar as axudas que impulsen o investimento particular e tamén a súa tramitación, canalizándoa a través dunha oficina a pé de rúa que estará localizada na contorna”.

“Dende a Administración municipal ofreceremos todas as facilidades para que os eidos público e privado colaboren e se impliquen, dunha maneira consciente e voluntaria, na transformación do barrio Feijoo e da Milagrosa para que a súa rexeneración sexa máis pronto que tarde unha realidade sinónimo de futuro para Lugo e de confort e calidade de vida para as familias”, concluíu a alcaldesa.