Skip to main content
Portomarín

Xa é posible ver a vella vila de Portomarín grazas a un proxecto de realidade virtual

Por 4 Novembro, 2023Sin comentarios

Xa é posible ver a vella vila de Portomarín grazas a o proxecto de realidade virtual Galiverso. O vello Portomarín, que recrea con tecnoloxía 3D esta antiga vila luguesa, anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963.

A veciñanza de Portomarín foi a primeira en colocar as lentes virtuais para volver camiñar polas desaparecidas rúas do centro da vila, unha viaxe no tempo ata o verán de 1962 que, explicou o conselleiro, foi deseñada co máximo rigor científico e a través dun amplo proceso de documentación.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou o proxecto e subliñou que a experiencia parte dun exercicio de memoria colectiva que, apoiado nas novas tecnoloxías de realidade virtual e aumentada, debuxa “unha cartografía dixital que recupera as casas e algúns dos seus edificios máis notables do concello”, como a igrexa ou o Hospital de peregrinos.

As gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, as máis de 40.000 fotografías que atesoura Foto Pereira en Portomarín e a memoria dos habitantes da propia vila serviron de base para un minucioso traballo que contou coa participación de profesores da Universidade de Santiago de Compostela, expertos do Centro Infográfico Galego e especialistas en vídeo, arte en 3D, historia e programación.

Galiverso. O vello Portomarín poderá visitarse proximamente, de maneira gratuíta, tanto na localidade luguesa como tamén no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Recuperar o patrimonio baixo as augas

O encoro de Belesar, creado na pasada década dos 60 para abastecer unha central hidroeléctrica, é a presa artificial máis grande sobre o río Miño. Ocupa unha superficie de 2.000 hectáreas entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. Ademais do vello Portomarín, que foi reedificado preto da súa antiga localización, coa construción do encoro quedaron inundados outros lugares habitados como Mourulle, Pincelo, Abeledo ou Portomeñe e tamén os restos arqueolóxicos de Castro Candaz.

Román Rodríguez convidou a todos os portomarinenses “a mergullarse nesta nova realidade e descubrir a historia da súa vila a través do Galiverso, o que sen dúbida será un antes e un despois no coñecemento da súa cultura, do seu patrimonio e da súa memoria”.

A nova instalación de Galiverso. O vello Portomarín continúa a aposta da Xunta de Galicia por amosar dunha maneira diferente e aberta a riqueza histórica e natural do país, e poñer en valor o potencial da industria cultural e creativa galega nas contornas virtuais.

Galiverso: arte dixital accesible

Ata hoxe, máis de 10.000 persoas visitaron no Museo Centro Gaiás as dúas experiencias ofrecidas dentro do Galiverso. A primeira delas recreaba 12 escenarios que achegaban monumentos, paisaxes e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, a Torre de Hércules na Coruña ou o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo). Na segunda, titulada Galiverso somerxido, proponse unha viaxe virtual en batiscafo polos fondos mariños da costa galega, descubrindo as especies de animais e plantas que os habitan e tamén os tesouros arqueolóxicos que agochan.

Fóra do Gaiás, o Galiverso chegou tamén á Casa de Galicia en Madrid e aos 85 centros de secundaria galegos que contan cun Polo Creativo.